Nota de Prensa
A Xunta corrobora que o Alcalde de Viveiro, o socialista Melchor Roel bloqueou durante catro meses a apertura dos centros ao negarse a adoptar un acordo plenario que xa tiñan negociado con SOGASERSO en xaneiro de 2010
A SECRETARIA XERAL DE BENESTAR CONFIRMA EN RESPOSTA AO DEPUTADO POPULAR JOSE MANUEL BALSEIRO A APERTURA DAS RESIDENCIAS DE VIVEIRO E MONFORTE NO MES DE SETEMBRO
* López Abella confirmou que as prazas destas residencias serán sostidas ao 100% con fondos públicos. Ademais clarexou que SOGASERSO, a sociedade titular destes centros, participada polas caixas de aforro, non terá ánimo de lucro.
Santiago, 30 de xuño de 2010.- A secretaria xeral de Familia e Benestar da Xunta de Galicia, Susana López Abella, confirmou en sede parlamentaria a preguntas do deputado popular Jose Manuel Balseiro, que o Goberno galego prevé a apertura da residencias para persoas maiores de Viveiro e Monoforte a mediados do mes de setembro. Así o explicou no seo da Comisión de Sanidade e Política Social celebrada no día de hoxe no Pazo do Hórreo.
BLOQUEO DO ALCALDE DE VIVEIRO
López Abella explicou que durante catro meses que o Alcalde de Viveiro, o socialista Melchor Roel bloqueou durante catro meses a apertura dos centros ao negarse a adoptar un acordo plenario que xa tiñan negociado con SOGASERSO en xaneiro de 2010. Non foi ata o 31 de maio deste mesmo ano cando finalmente someteu como proposta da alcaldía o acordo necesario. Este bloqueo, segundo explicou a secretaria xeral, non só condicionou a apertura de residencia de Viveiro senón tamén do resto da rede de residencias que a Xunta ten previsto abrir (Monforte, Vimianzo e Ourense). A secretaria xeral lamentou a actitude do rexedor vivairense e indicou que incluso tiñan problemas para localizalo.
Balseiro na súa intervención insistiu na decepción do conxunto dos veciños da Mariña pola actitude do alcalde socialista que en vez de colaborar coa administración autonómica neste ámbito, privoulles da disposición desta residencia que hoxe xa podería estar en servizo. Ademais salientou que a Xunta corroborou na súa totalidade o adiantado por este mesmo deputado nos pasados meses cando alertou de que era preciso adoptar un novo acordo plenario para evitar que se freara a apertura da residencia, aspecto que foi negado polo rexedor viveirense.
PRAZAS PÚBLICAS, SOCIEDADE SEN ÁNIMO DE LUCRO
A dirixente autonómica, finalmente, quixo clarexar que as prazas destas residencias serán sostidas ao 100% con fondos públicos. Ademais pese a que a día de hoxe a administración autonómica non forma parte do accionariado da sociedade SOGASERSO (Sociedade Galega de Servizos Sociais), titular destas infraestruturas de benestar, existe un acordo con esta sociedade participada hoxe en exclusiva polas caixas de aforro galegas para evitar que teña entrada un terceiro socio, garantindo polo tanto que esta sociedade non terá ánimo de lucro.
López Abella adiantou que na reunión do 21 de xuño do consello de administración de SOGASERSO acordouse promover a venda das accións da Xunta a principios do mes de xullo e será nesa mesmas datas nas que terá lugar a publicación do anuncio de contratación do concerto das prazas. “Prazas públicas ao 100%, porque ese é o compromiso da Xunta de Galicia e das caixas”. Cos prazos que marca a lei “é de esperar que poidan estar en funcionamento” ambas residencias “a mediados do mes de setembro”-concluíu a secretaria xeral.
Finalmente, en resposta a Balseiro, López Abella insistiu en que a Consellería de Traballo e Benestar “garante a prestación do servizo público de atención aos nosos maiores aplicando criterios de igualdade malia as diferenzas de renda e de territorio de residencia” dos futuros usuarios.