NOTA DE PRENSA
“Asistimos a un acto de manipulación sen precedentes deste colectivo que instrumentaliza PSOE e BNG e as súas asociacións afíns”
A CORPORACIÓN MUNICIPAL DO VICEDO NON APOIOU A MOCIÓN DA PLATAFORMA SANITARIA
* Prosperou unha emenda do PP que recolle a literalidade das palabras empregadas pola Conselleira de Sanidade para desmentir os argumentos sobre o desmantelamento do Hospital da Costa e da área sanitaria.
A Mariña, 16 de xuño de 2010.- A corporación municipal de O Vicedo non apoiou á moción municipal que a plataforma sanitaria está a rexistrar nos distintos concellos para posicionarse a favor da mobilización convocada para o vindeiro 26 de xuño. Todo o contrario, a iniciativa que prosperou foi unha emenda do Grupo de Goberno, do PP, na que ratificaba cada un dos compromisos adquiridos en sede parlamentaria tanto pola Consellería de Sanidade, como en declaracións públicas do Presidente da Xunta de Galicia e que insisten na autonomía, fortaleza e mellora do sistema público de saúde da nosa comarca e do Hospital da Costa.
A emenda dos populares literalmente di: “Defender o mantemento da área sanitaria da Mariña lucense a través da creación dunha xerencia situada en Burela, e que xestione e teña poder de decisión sobre todos os recursos humanos, materiais, infraestruturas e prestacións da área sanitaria, tanto na atención especializada (hospital) como na primaria (centros de saúde)”
Asistimos a un acto da manipulación sen precedentes deste colectivo que instrumentalizan PSOE e BNG e as súas asociacións afíns, que conscientes de que os argumentos que empregan xa non convencen a ninguén, pretenden agora manipular a realidade para levar a ascua a súa sardiña.
O PP da Mariña insiste na improcedencia da manifestación e en lembrar que son falsos todos e cada un dos argumentos que emprega a plataforma sanitaria: nin o hospital da Costa está en perigo, nin a área sanitaria da Mariña perderá servizos ou autonomía algunha.
O VALADOURO
Tamén compre lembrar que en O Valadouro a moción da plataforma sanitaria non contou co apoio da totalidade dos integrantes da Corporación Municipal. Os populares, conscientes da improcedencia da petición da plataforma votaron en contra do texto, a concelleira independente decidiu absterse e a moción só contou co voto favorable de PSOE, BNG e da concelleira Ana Geada. Tampouco aquí o texto da plataforma acadou o consenso dos representantes municipais.