BURELA (FNC) .- As choivas das últimas horas causaron cuantiosos danos en Burela, en garaxes, portais e locais comerciais, segundo o alcalde, Alfredo Llano. as principais complicacións céntranse na zona do Perdouro, onde un muro está a piques de caer e tamén na Casilla, onde a estrada está cortada ao tráfico.
O rexedor sinalou que “este temporal estános a afectar de xeito moi negativo, hai moita preocupación dado que hai terreos anegados e fixo bastante desfeita nas estradas, pero o peor foi que no Monte Castelo vemos a cantidade de auga que está como reventando toda a montaña e circulando hacia vila. Baixou tal cantidade de materia, de ramallos, de árbores, de lodos que taponou todos os sumidoiros e a auga pasou polas rúas ata o porto inundando e facendo moito dano en todos los lugares polo que pasou”.
Llano dixo que “de madrugada logramos liberar todos os sumidoiros e que así baixase a cantidade de auga acumulada, pero ás seis da mañá a situación repetíuse de novo, logramos volver reducir o paso de auga polas rúas de momento, agora están dúas palas traballando nas zonas máis afectadas, pero eso non quere decir que non volvamos sufrir algún problema similar… a cantidade de auga que está a caer é impresionante e os regatos todos van desbordados hacia Burela. Hai outras dúas palas traballando no Monte Castelo para desviar o caudal hacia outras vertentes que vaian hacia San Román ou hacia o río”.
O alcalde burelés engadiu que “temos que tratar por todos os medios que baixe a auga cara Burela, pero é moi difícil porque o Monte Castelo está como reventado. Están afectadas as entradas e saídas de Burela e as rúas principais do noso pobo, estamos volvendo a limpar as canalizacións e os sumidoiros, pero é moi difícil”. Alfredo Llano agradece “a colaboración prestada por Protección Civil, pola Delegación de Obras e Servizos, polo Grumir, pola empresa concesionaria do servizo de augas e a todas as administracións que están aquí facilitando materiais. Pídolle á xente que teña paciencia porque estamos distribuindo bombas de achique onde podemos e a ver si entre todos logramos minimizar os efectos deste temporal que realmente é moi preocupante. Os danos son cuantiosos”.
O Concello en conversa coas dirección do colexios decidían suspender as clases esta mañá para evitar danos persoais. Llano contou que “vendo o que estaba a ocurrir en todo o concello desde o Monte Castelo, e como o río dos Matos ía desbordarse ao igual que xa aconteceu en xaneiro, e que sería moi complicado evacuar a todos os alumnos dos colexios, decidimos conxuntamente suspender as clases entre o Concello e os directores dos centros. É mellor previr que despois ter que arrepentirse e falamos cos directores para recomendarlles que non houbese clases hoxe e así evitar que non circulasen pola rúa e para que en caso de que ocorrese algo estivesen nas súas casas. Non sabíamos moi ben o que podía ocurrir”.