Site icon Crónica3.com A Mariña

As brigadas municipais traballan para restablecer a normalidade no concello de Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- As brigadas municipais traballan para tentar restablecer a normalidade no concello de Ribadeo. Parte dos esforzos céntranse en restaurar o subministro de auga a moitas parroquias do interior, ainda que os traballos son moi complicados, segundo o alcalde. O temporal arrasou onte cun tramo da estrada Reme-Vilamar en Lexoso e como consecuencia coas tuberías da auga.

Fernando Suárez contaba esta mañá que “despois de ter pasado xa estas horas tan dramáticas, tan difíciles e nunca vistas aquí en Ribadeo, nestes momentos as brigadas municipais están traballando para ir recuperando a normalidade pouco a pouco aínda que é difícil porque seguimos con moitos problemas, hai árbores caídas que obstaculizan vías de comunicación, despois de tantas horas de chuvia a terra non chupa nada e estanse a producir numerosas barrancadas que imposibilitan o acceso e tránsito normal de vehículos. Estamos actuando tamén en gavias e en cunetas para desviar cursos de auga impedindo que cheguen ás casas e ás explotacións gandeiras”.

O rexedor dixo que “estamos certamente preocupados por tentar restaurar o servizo de auga a moitas parroquias do interior dado que na tarde-noite de onte un anaco moi importante da estrada autonómica Reme-Vilamar en Lexoso desbancouse totalmente e levou un tramo moi importante da tubería municipal que vai desde Lexoso e que surte a usuarios de moitas parroquias. A resolución destes traballos vai levar tempo dado as dificultades para poder facer un bypass, estamos coordinando o dispositivo coa Xunta de Galicia e a partir de agora terá que parar de chover, as augas volverán á súa canle, pero imos descubrir unha chea de danos en camiños, en pontes, nun montón de infraestruturas básicas de carácter público municipal, provincial e autonómico que teremos que empezar a amañar”.

Suárez Barcia engadiu que “tamén con moita dor de corazón vemos como colleitas, explotacións gandeiras, un montón de ben privados que están nunha situación límite. Eu como alcalde creo que entre todos os grupos da Corporación debemos falalo e debemos pedir para este Concello algunha das formas contempladas para estas situacións como a declaración de zona catastrófica ou as posibilidades que se poidan establecer. Entendemos que son insuficientes os medios que os Concellos poidamos ter para repoñer a totalidade destes danos. Na reunión que teremos este mediodía con responsables da Xunta en Burela eu quérolles trasladar esta idea, que se habilite un programa de limpeza de ríos para que si esto volta a acontecer non ocorra coa mesma intensidade, a Xunta debe facer fincapé nesto. Consideramos que o Ministerio de Fomento debe estudar convenientemente que unindo 25 regatos nun só pasan estas cousas que acaban converténdose en ríos, e tamén que se estableza un plan extraordinario de reparación de infraestruturas básicas e ao mesmo tempo pensamos que é necesario un plan de axudas extraordinario para paliar os danos causados aos particulares”.

O alcalde ribadense considera que “se trata dunha circunstancia moi dificultosa, pero nas adversidades queremos seguir estando ao pé dos nosos veciños para tentar que esto se vaia ver como algo pasado, aínda a día de hoxe estamos sumidos no presente de máis infortunio que puidéramos pensar”.

Exit mobile version