NOTA DE PRENSA:
Melchor Roel lesiona a imaxe de Viveiro como referente turístico no ámbito da náutica recreativa e deportiva
A XUNTA CONFIRMA A PREGUNTAS DO GRUPO POPULAR QUE O GOBERNO MUNICIPAL DE VIVEIRO NON ATENDEU OS REQUIRIMENTOS DE INFORMACIÓN E MELLORA DOS SERVIZOS
RELATIVOS AO PORTO DEPORTIVO DE VIVEIRO
* Balseiro reclamou eficacia na xestión de Portos de Galicia que agora asume a explotación destas instalacións e que o Concello deixe de ser un obstáculo, “agora que outros veñen a facer o que eles mesmos foron incapaces de garantir”
Santiago, 18 de xuño de 2010.- A Xunta de Galicia vén de confirmar a preguntas do Grupo Parlamentario Popular na Comisión de Pesca celebrada no día de hoxe na Cámara galega que o Goberno municipal de Viveiro non atendeu os requirimentos de información e mellora dos servizos que se lle estaban a efectuar para garantir a correcta xestión sobre o porto deportivo de Viveiro. A constatación destes incumprimentos e as múltiples queixas dos usuarios destas instalacións que fixeron chegar directamente a Portos de Galicia obrigou á administración autonómica a iniciar o expediente de caducidade da concesión e a retirada provisional da xestión destas instalacións ao Concello de Viveiro.
O Equipo de Goberno que preside o socialista Melchor Roel está a lesionar deste xeito a imaxe de Viveiro como referente turístico comarcal no ámbito da náutica recreativa e deportiva. A decisión de Portos de Galicia solo ten por obxecto salvagardar o bo funcionamento do porto deportivo, e busca garantir que se lle presten como mínimo os servizos establecidos pola normativa vixente que, o Concello de Viveiro non estaba a prestar nin directa, nin indirectamente.
O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol lamentou que se teña chegado a esta situación pola desidia e falta de interese do Goberno municipal vivairense. “En termos coloquiais o que fixeron desde o Concello de Viveiro foi pasar de todo”-concluíu.
Balseiro reclamou finalmente eficacia na xestión e que este servizo cumpra como mínimo os requirimentos básicos dun porto deportivo. Tamén subliñou a importancia de que, neste cometido, que debe asumir Portos de Galicia de xeito provisional ata a finalización do expediente de caducidade da concesión “o Concello deixe de ser un obstáculo, ainda que sexa por vergonza, e porque outros veñen a facer o que eles mismos foron incapaces de garantir”