Nota de Prensa
O GOBERNO NON PORÁ EN MARCHA O PLAN DE ACTUACIÓNS CONTRA OS EFECTOS DOS TEMPORAIS NA COMARCA DA MARIÑA COMO RECLAMABA O BNG
O deputado do BNG, Fernando Blanco denunciou “a falta de previsión do Goberno galego e a súa nula actuación para reducir as perdas nos patrimonios públicos, familiares e empresarias”
Santiago de Compostela, 23 xuño, 2010. Pleno- O deputado do BNG, Fernando Blanco defendeu hoxe, no Parlamento galego a necesidade dun plan de actuacións contra os efectos dos temporais na comarca da Mariña, iniciativa que foi rexeitada polo grupo popular.
Blanco explicou na súa intervención que defendía unha proposición non de lei “atemporal” pero con “virtualidade” xa que no mes de decembro producíase un temporal de neve na comarca da Mariña e recentemente repetíanse as inclemencias meteorolóxicas que ocasionaban graves danos nos patrimonios públicos , familiares e empresariais.
Blanco lembrou que no mes de decembro “o Goberno galego non tomou ningunha decisión, nin política nin administrativa” e -na súa opinión-, “ estivo ausente nunha problemática que afectou a bens públicos e privados”.
Neste sentido, engadiu que nin sequera se celebrou un Consello da Xunta nin visitas nin información do Goberno galego e esta é a razón- dixo- pola que o BNG presenta esta iniciativa co obxecto de “instar a Xunta para poñer en marcha un plan de acción”.
Blanco referiuse ás inundacións que asolagaron esta comarca e afirmou que “provocaron efectos tamén sobre infraestruturas, plantacións e explotacións agrogandeiras” e a pesar disto- dixo- o Goberno galego “non tiña articulado medidas nin previsións coma fixera o anterior goberno co temporal Klaus.”
O deputado nacionalista explicou que durante este temporal, 12 estradas foron pechadas, a vía férrea tamén permaneceu pechada durante un tempo, desbordamentos dos ríos e centros educativos pechados en Burela.
Ante esta situación, Blanco considerou que “o Goberno galego tiña a obriga de informar aos cidadáns e mesmo persoarse no lugar” para articular as axudas previstas pola Xunta e informar delas a través dunha oficina onde se puideran achegar os veciños e veciñas para coñecer as medidas postas en marcha polo Goberno galego.
Na actualidade e a pesar das perdas, valoradas en máis de 3 millóns de euros, aínda non existe unha relación dos concellos afectados polo temporal nin as axudas para a reparación dos danos.