MONDOÑEDO .- A problemática que pode causar nas explotacións o incumprimento sistemático da normativa motivou o posicionamento da Xunta Directiva do GDR.
A Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural de A Mariña acordou na última xuntanza remitir á Consellería de Medio Rural un informe instando á Administración a velar e cumprir de oficio a lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios.
Esta lei recolle, entre outros aspectos, a prohibición de realizar plantacións en zonas adicadas a labradío, cultivos, prados e pastos. Esta cuestión estase a incumprir sistematicamente supoñendo un problema importante para a supervivencia de moitas explotacións.
A superficie agraria útil é un aspecto fundamental para as explotacións, garantindo o acceso á terra e con el a viabilidade das explotacións, xa que afecta dun xeito moi directo á súa produtividade. A superficie agraria útil galega ronda o 23%, oito puntos menos que no resto do Estado. Esto vén determinado por varias cuestións como pode ser o modelo galego de propiedade da terra e, evidentemente, o mantemento e protección da mesma.
Neste sentido, a pasividade da Administración no cumprimento da lei de incendios neste aspecto e a falla de articulación dos mecanismos existentes que garantan a SAU, deixa o sector nunha posición moi feble. Por este motivo, a Xunta Directiva do GDR amosará a súa preocupación ante a Consellería de Medio Rural e instaraa ao cumprimento de oficio da normativa.