Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta desdice ao alcalde no tema do urbanismo, asegura o BNG de Barreiros

NOTA DE PRENSA (FNC):

O BNG DE BARREIROS PÍDELLE AO PP SERIEDADE, MESURA E RESPONSABILIDADE. OS NACIONALISTAS CONSIDERAN QUE A XUNTA DESDICE AO ALCALDE NAS ÚLTIMAS MANIFESTACIÓNS REALIZADAS SOBRE O URBANISMO.

Barreiros, 11 de xuño de 2010. O BNG de Barreiros pídelle ao PP que se poña de acordo nas súas manifestacións sobre o urbanismo porque a Xunta ven de desdecir ao alcalde, Alfonso Fuente. Os nacionalistas queren que no PP se aclaren á vez que lembran que foi a súa formación a única que mantivo unha postura coherente durante todo este tempo.

Antonio Veiga sinala que “vistas as declaracións de persoal da Xunta con responsabilidades en Urbanismo cando falando de Barreiros aluden a unha desmesura no crecimento das edificacións, a unha situación que non se pode perpetuar e que non se debe repetir, danos a impresión de que deberon copiar algún texto ou algún documento do BNG de Barreiros. Eso foi o que viñemos mantendo durante todos estes anos, entedemos que o PP no Xunta está desdecindo ao alcalde de Barreiros”.

Os nacionalistas consideran que “terán que aclararse e terá que aclararse o PP de Lugo tamén porque pechaba filas totalmente coa xestión urbanística que estaba a levar adiante o alcalde de Barreiros. É curioso, a nós gustaríanos que se pronunciaran agora todos aqueles que o 2 de decembro de 2006 se viñeron manifestar á praza do Concello de Barreiros en defensa daquela nefasta e perxudicial xestión urbanística que estaba a facer o PP aquí. Tamén nos gustaría que se pronunciasen os que viñeron mitinear a Barreiros no 2007 e no 2009 dicindo que este problema se arranxaba nun plis plas, porque de momento parece ser que non ten amaño. Confírmase o que nós sospeitábamos e os perxudicados, coma sempre, por estas políticas populares son os particulares”.

O BNG de Barreiros reafírmase nos postulados que defendeu e que segue a defender, “cremos que é a única organización política que mantivo e que mantén un discurso coherente desde o principio ata o final sobre este asunto. Uns din unha cousa na prensa, logo votan outra nos organismos a respecto do urbanismo en Barreiros e uns poñen cartos para o convenio ou pacto, pero ao mesmo tempo atácano nas súas declaracións. Seriedade, mesura e responsabilidade é algo que lle pedimos ao PP e dubidamos moito que nolo vaia a dar porque non é precisamente un exercizo de responsabilidade o que veu facendo o PP con todo este asunto de Barreiros desde o ano 2005”.

Exit mobile version