RIBADEO (FNC) .- A xunta de voceiros acordou solicitar a declaración de zona catastrófica ou similar para Ribadeo. O alcalde asegura que continúan a aparecer desperfectos e que a situación é peor do que se pensaba nun primeiro momento.
Fernando Suárez sinalou que na reunión da xunta de voceiros “avaliamos de primeira man as fotografías e os informes realizados polos técnicos municipais e acordamos varias cousas dentro da racionalidade do que se espera que fagamos desde o Concello de Ribadeo. Acordamos dirixirnos tanto ao goberno do Estado como da Xunta para que se elabore un plan de reconstrucción de todas as infraestructuras que resultaron danadas”. O rexedor dixo que “onte ás oito da tarde cifrábamos, nunha primeira avaliación só en camiños públicos e pontes, os danos causados en 650.000 euros, pero esa cifra xa subiu porque acabamos de coñecer novos desperfectos. Pedimos ese plan integral de recuperación tanto á Xunta, á Deputación como ao Ministerio de Fomento. A éste tamén lle solicitamos que de cara á A-8 se proceda a estudiar a conexión dos pasos inferiores de pluviais cos regatos que fan que sitios como A Madanela, por exemplo, fora unha auténtica zona cero estes días”.
Os portavoces municipais queren pedir “unha serie de axudas para a limpeza e o encauzamento, nalgúns casos, dos ríos para que non acontezan casos como os da explotación que quedou cercada pola forza do río. E tamén seguimos convidando aos particulares para que poñan en coñecemento do Concello os danos ou desperfectos que sofriron no seu medio de vida ou nas súas vivendas. Neste caso nós facemos unha actuación de mediación”.
O alcalde ribadense suliñou que “somos favorables a solicitar unha declaración de zona catastrófica para Ribadeo ou algunha das figuras que en dereito mellor se poida acomodar a esta definición. Entendemos que a situación é máis grave do que se pode pensar a primeira vista, xa que agora en moitos camiños en canto enxugue o tempo aparecerán roturas, baches… xa que ata o momento estaban anegados pola auga. Eso dará un engadido negativo en materia de custe que é necesario que outras administracións por enriba do Concello axuden coa súa colaboración”.
Suárez Barcia entende que “falo de Ribadeo porque son o alcalde deste concello, pero esta mesma situación a estarán pensando o resto de compañeiros rexedores da Mariña, independentemente da súa cor política porque a auga non entende de cores”. O rexedor insistiu en que “a Deputación, a Xunta e o goberno do Estado estánse a comportar de maneira moi razoable e satisfactoria, pero agardo que a partires de agora se comprometan a nivel económico e que non nos deixen colgados. Esperemos que todas as visitas que se fan aquí teñan unha correspondencia económica despois, que non sexa só para facerse a foto. Nada malo debo dicir sobre ningunha das administracións supramunicipais”.