BURELA (FNC). O alcalde, Alfredo Llano e a concelleira do Mar, Remedios López, inauguraron a exposición fotográfica Lembranzas do mar II.
Remedios López lembra que “ésta é unha homenaxe que a Concellería do Mar dedica a todas aquelas xentes que axudaron e participaron de distintas formas a que Burela saíra adiante e fora coñecida, a través da historia, pola súa tradición mariñeira da pesca artesán de gran calidade”.
Esta exposición consta de 45 paneis de 1×1,5 m que relatan a través de fotos imaxes da pesca, dos barcos, das xentes, das redeiras… imaxes de actividades paralelas á pesca como a conserveira, o transporte de caolín, o transporte da madeira… imaxes de procesións, de afundimentos, de botaduras… A exposición ao aire libre pódese ver na praza do Concello onde estará castro meses. A edil socialista sinala que “se recollerá a finais de setembro para que as inclemencias metereolóxicas non deterioren os paneis”.
Esta exposición faise con fotos procedentes do arquivo fotográfico da Concellería do Mar e do arquivo fotográfico que cede de forma altruísta, a familia de Arcadio Pardiñas e a asociación Casas Baratas. Remedios López apunta que “o arquivo fotográfico permanece aberto e todas aquelas persoas que teñan fotos antigas relacionadas co mundo do mar e queiran velas expostas na próxima exposición. Os interesados poderán traelas ao Concello onde lle faremos unha copia e devolveremos intactos os orixinais”.
A concelleira do Mar engade que “Lembranzas do mar II dalle continuidade á exposición fotográfica anterior, ubicada na actualidade no peirao, e segue a plasmar o transcurso de cen anos de recordos da nosa forma de vivir. A pesca segue a ser un dos inxectores da economía da Mariña, o que antes era unha actividade estival agora convertese nun oficio próspero e competitivo, grazas a el conséguense importantes ingresos económicos e turísticos que fan que Burela se desenvolva e medre”.