Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma pola Sanidade pide que os concellos defendan a Área Sanitaria da Mariña

A MARIÑA .- A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública na Mariña, reuniuse cos representantes dos partidos políticos con representación na comarca da Mariña para trasladarlles a preocupación pola creación dunha Área Sanitaria única para a provincia de Lugo, centralizando a xestión tanto hospitalaria como dos centros de saúde en Lugo o que significaría que as 72.000 persoas dos 14 concellos que teñen como hospital de referencia o Hospital da Costa pasarían a ter coo hospital de referencia o Hospital de Lugo producíndose un retroceso na calidade asistencial que nos devolvería á situación de fai mais de 25 anos.

BNG e PSOE comprometéronse á celebración de plenos extraordinarios para tratar nos concellos da comarca a iniciativa promovida pola Plataforma.

Os partidos políticos con capacidade para convocar plenos extraordinarios nos concellos da comarca enmarcados dentro da Area Sanitaria da Costa, comprometéronse á súa celebración inmediata a fin de que o conxunto do territorio afectado pola perda de servizos sanitarios públicos, deixe clara a súa intención de manter unha sanidade de calidade na Mariña que custou moitos anos lograr. Neste sentido, tanto PSOE como BNG asumiron as demandas da Plataforma de trasladar tanto a aqueles concellos onde gobernan como a aqueles outros onde non o fan, a moción da entidade social mediante a convocatoria de plenos extraordinarios.

As demandas da Plataforma tamén serán debatidas no Parlamento Galego

Coa mesma intención de trasladar ao campo institucional as súas preocupacións, a Plataforma na Defensa da Sanidade Publica da Mariña, adquiriu o compromiso dos representantes políticos de levar ao Parlamento Galego o debate sobre a rebaixa da calidade asistencial en materia sanitaria na comarca da Mariña. Para os colectivos integrantes da Plataforma, a pesar dos esforzos de diferentes colectivos para que a Consellaría de Sanidade aclarase as súas intencións, tras distintas declaracións contraditorias de membros do seu departamento, pola vía dos feitos a Consellaría vai dando pasos moi preocupantes para o servizo sanitario público na comarca e no conxunto do país.

O Borrador do Decreto de Estrutura Organizativa de Xestión Integrada non albisca nada positivo para a Area Sanitaria da Mariña

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública na Mariña argumenta que tras discursos contraditorios ou dilatorios, agóchanse feitos como a publicación do Borrador do Decreto de Estrutura Organizativa de Xestión Integrada onde se recolle entre outros asuntos, a adscrición dos hospitais de Cee e de Ribeira ao CHUAC (A Coruña) e ao CHUS (Santiago), perdendo a súa condición de xerencia independente, que se farían no presente exercizo, pospoñendo as provincias de Ourense e Lugo para ser ordenadas no vindeiro ano, pasando de largo do actual mapa sanitario, é dicir, nin se fai referencia as áreas sanitarias en todo o documento “vulnerando” as competencias en materia de relacións laborais e a propia Lei que fixa a estrutura do Servizo Galego de Saúde. Este decreto non define que unidades directivas e de xestión nin que condicións laborais e económicas se constitúen e o que é máis importante que papel se deixa á participación social como marcan claramente as leis de Saúde de Galicia e a Lei Xeral de Sanidade, aspecto este que sería obrigado se non se tratara de sortear o actual mapa sanitario con a súa estrutura de áreas sanitarias.

Exit mobile version