Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña rexistrou máis de medio cento de incidencias pola choiva a pasada noite

Desprensemento na estrada de San Cibrao a Viveiro (foto: Raul Torres)

A MARIÑA .- O grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias instalouseo a medianoite pasada en Barreiros para atender as incidencia causadas polas intentsas choivas.

Nota de Prensa

A MARIÑA LUCENSE REXISTROU MÁIS DE MEDIO CENTO DE INCIDENCIAS ESTA NOITE RELACIONADAS COAS CHUVIAS

* O Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias quedou instalado a medianoite en Barreiros para minimizar as incidencias

Santiago, 10 de xuño de 2010.- As chuvias rexistradas nas últimas horas teñen provocado ata 54 incidencias ao longo desta noite nos concellos da Mariña lucense, na súa meirande parte relacionadas co anegamento de vivendas, estradas e rúas.

En concreto, entre as 20.00 horas e as 7.00 horas rexistráronse no Centro de Atención ás Emerxencias- 112 Galicia un total de 16 incidencias relacionadas con vivendas anegadas, outras 14 con estradas con bolsas de auga e dez sobre rúas anegadas.

Os concellos máis afectados están a ser Barreiros, Burela, Cervo, Foz e Ribadeo, aínda que tamén se rexistrou algunha incidencia ao longo da noite relacionada coas chuvias en Lourenzá, Viveiro e Xove.

Ante as predicións meteorolóxicas recibidas a última hora de onte, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) enviou á Mariña lucense ao seu Grupo de Apoio Loxístico, dotado cun remolque para achiques e dun Posto de Mando Avanzado, que quedou instalado no Concello de Barreiros pasada a medianoite.

En dito posto se integraron o alcalde deste concello, Alfonso Fuente Parga; a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e o xerente da Axega, Juan José Muñoz; así como responsables de distintos grupos de intervención e corpos de seguridade.

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mobilizou un operativo de Augas de Galicia, composto por un garda fluvial da Demarcación de Augas na provincia de Lugo e un equipo de limpeza e outro de acondicionamento de cauces. Estes oito operarios comezarán ao longo da mañá os traballos de limpeza e acondicionamento nas zonas afectadas. Tamén se encargarán de facer un seguimento dos traballos e da valoración dos danos ocasionados.

A directora xeral de Infraestruturas, Isabel Vila, desprazarase esta mañá á Mariña lucense para inspeccionar os desperfectos causados polo temporal e coordinar os labores de emerxencia e reparación de estradas.

Así mesmo, ao longo da mañá tamén está previsto que se incorpore ao operativo o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, que visitará as principais zonas afectadas polas chuvias.

O dispositivo permanecerá  despregado e atento a todas as continxencias que se poidan producir ata que se dea por rematado o episodio de meteoroloxía adversa e os traballos acometidos para solucionar todas as incidencias producidas.

Predicións meteorolóxicas

As predicións meteorolóxicas da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) -único organismo de predición que contempla o Plan Nacional de Alertas- eran de chuvias para toda Galicia cun acumulado estimado de 40 milímetros cada doce horas –umbral mínimo de alerta de nivel amarelo-, polo que o 112 enviou aviso de alerta amarela ás institucións e organismos afectados en toda Galicia.

Cara ás 22.35 horas de onte, a Aemet informou ao 112 que dende as 22.00 horas se ían producir chuvias de maior intensidade na zona da Mariña e centro de Lugo, así  como na zona Noroeste da provincia da Coruña, que poderían chegar a un acumulado de 60 milímetros cada 12 horas, o que supón o umbral máximo de nivel amarelo.

Diante desta predición, a Dirección Xeral de Emerxencias reiterou o aviso de alerta amarelo, informando do mesmo ás institucións e organismos afectados e, neste caso, facéndoo especificamente a todos os da provincia de Lugo e da zona Noroeste da Coruña.

Ademais, e ante a posibilidade de incremento das incidencias, especialmente dos anegamentos, dispúxose a mobilización e traslado á zona da Mariña do Grupo de Apoio Loxístico da Axega, que continúa a traballar na zona, como fixo ao longo de toda a noite.

Exit mobile version