BURELA .- O responsable de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, visitou a exposición fotográfica sobre as casas baratas de Burela, iniciativa que contou coa colaboración da area de Cultura da Deputación.
Nota de Prensa
ANTONIO VEIGA VISITOU A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA SOBRE AS CASAS BARATAS DE BURELA
A Área de Cultura da Deputación colaborou coa asociación de veciños deste barrio burelao na organización da mostra fotográfica
O delegado de Cultura da Deputación afirmou que “consideramos que o apoio ao asociacionismo lucense ten que ser un dos obxectivos primordiais da Deputación”
BURELA, 27 de maio de 2010. Esta tardiña, o delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, visitou na Casa da Cultura de Burela, acompañado por Neves Cando, concelleira de Cultura de Burela, e Xoán Antón Estua, a exposición fotográfica que se inaugurou o pasado xoves 27 como comezo das festas de Burela. A mostra foi organizada polos propios membros da asociación de veciños de Casas Baratas, coa colaboración dos veciños e veciñas do barrio e contou co apoio económico da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
O delegado de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, amosouse moi satisfeito por visitar a mostra e felicitou aos veciños e veciñas deste barrio burelao polo seu traballo “xa que iniciativas desinteresadas coma esta contribúen a recuperar unha parte da memoria a través da compilación de documentos gráficos e, ao mesmo tempo, son proxectos que teñen unha clara vertente social que favorece enormemente a cohesión entre os membros dunha comunidade”.
Ademais, segundo indicou Veiga, “consideramos que o apoio ao asociacionismo lucense ten que ser un dos obxectivos da Deputación e así o levamos plantexando desde a nosa entrada no goberno”. Porque, tal como argumentou Veiga “apoiando o tecido asociativo, como podemos ver neste marabilloso exemplo, estamos contribuído a dinamizar social e culturalmente o país, valéndonos das persoas que realmente teñen unha implicación co territorio”.
A A.V. de Casas Baratas foi compilando as fotografías que os restantes veciños e veciñas aportaron, até que chegaron a xuntar máis de mil imaxes que permiten recompoñer como foi desde hai anos a vida cotiá de ducias de persoas que residiron ou aínda residen no barrio. A colección fotográfica reflicte o quefacer diario, o traballo e acontecementos sociais propios das épocas.
A exposición fotográfica permanecerá para ser visitada na Casa da Cultura de Burela durante unha semana máis e, unha vez que se remate, volverá a mans da asociación de veciños. A iniciativa de recuperación destas imaxes que puxo en marcha a AA.VV. Casas Baratas contempla tamén a edición de DVDs para que cadaquén poida levar a mostra á súa casa e tamén elaboraron un álbum no que aparecen distintas xeracións dun barrio con 102 familias onde residen preto de 300 persoas.