RIBADEO (FNC) .- A exposición Elas ensinan que pode verse na oficina de turismo de Ribadeo ata o 30 de xuño é unha homenaxe ás mulleres educadoras, pedagogas, ás mestras, como pioneiras da súa incorporación das ao mercado laboral.
Esta mostra recolle as historias de vida de dezaoito mestras galegas que compartiron o interese pola educación das xeracións máis novas, ás que serviron de modelo profesional e vital. Pero a mostra tamén apela ás lembranzas, aos sentimentos desa etapa na que se forxa a personalidade, na que se aprende todo o que as mestras nos transmiten, ciencias, letras, música, arte… na procura dunha formación humanista e integral. Trátase dunha homenaxe ás educadoras e pedagogas que lle impuxeron as condicións sociais, económicas, xeográficas e históricas de Galicia entre finais do XIX e o XX. Unha etapa que reflicte a longa dedicación histórica das mulleres ao campo do ensino, especialmente no eido das primeiras letras, o ensino infantil e o primario, para paulatinamente irse achegando aos demais niveis educativos ata acadar a situación de feminización docente que se está a vivir na actualidade. Mulleres innovadoras e decididas, sempre na procura de novos métodos pedagóxicos para mellorar a educación do seu alumnado por difícil que fose a situación e as características particulares de cada grupo, proporcionando a cerna para unha participación feminina máis ampla na educación superior e no mercado laboral. Un panel transformador da sociedade, a través da transmisión do coñecemento e da profunda pegada do seu traballo en todos e todas nós.
Na exposición pódense ver paneis sobre a vida e o traballo das dezaoito mestras galegas seleccionadas para esta mostra, pero complétase co acceso a unha base de datos onde se recollen as biografías de moitas mulleres mestras, co obxectivo de que o público interesado poida acceder á información sobre unha persoa en concreto ou mesmo sobre as mestras que desenvolveron a súa actividade nun concello determinado.
Esta exposición cedida pola Secretaria Xeral de Igualdade, estará na oficina de turismo do Concello de Ribadeo desde o ata o 30 de xuño. Os horarios son os seguintes: de luns a venres de 09:30h a 14 horas e de 16 a 19 horas. E os sábados de 10:30 a 14 horas e de 17 a 19 pola tarde.