RIBADEO (FNC) .- O venres 25 de xuño de 2010 ás 20 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo producirase o peche da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo… “será por vacacións e ata o mes de setembro, que ninguén se asuste. A EMMeD baixa o telón ao grande, cun festival de fin de curso que mantén a súa vocación de demostrar o feito durante todo o curso 2009/2010 e de divertir ás e aos que se acheguen ao Auditorio”, explican desde a dirección do centro.
E engaden que “por vez primeira todo o festival estrutúrase en base a agrupacións mixtas, algunhas xa existentes e outras creadas para a ocasión, que darán conta dun repertorio que non deixará indiferente a ninguén. Dos instrumentos das alumnas e alumnos da EMMeD sairán as notas de Misión Imposible, da Máquina de Escribir, da Primavera de Vivaldi, dun pasadobre que soará despois dun tango ou dos filmes da factoría Disney. Pero a música non virá soa senón acompañada da danza co que o espectáculo será aínda maior. Un concerto que promete moitas sorpresas e gratas lembranzas do que foi este ano e ao que o claustro de profesoras e profesores da EMMeD de Ribadeo quere convidar a todos e todas as ribadenses”.