RIBADEO (FNC) .- A escola de Vilela, acondicionada como albergue provisional de peregrinos, comeza a funcionar a vindeira fin de semana. Conta con 33 prazas que se unen ás 12 que ten o albergue do Cargadeiro. O alcalde agarda que a Xunta licite canto antes as obras de remodelación do antigo colexio das monxas na rúa Trinidade para contar cunhas instalacións con capacidade para acoller a 60 ou 80 camiñantes.
Fernando Suárez sinalou que “Ribadeo, que ten a honra de ser a porta norte de entrada a Galicia deste Camiño de Santiago, está con todo a punto para recibir aos centos ou milleiros de peregrinos que xa están chegando aquí, xa é habitual ver a moita xente pasando pola nosa vila e polas parroquias. Todo esto nos levou, a través dun pequeno convenio coa Xunta, a acondicionar a escola de Vilela para contar con máis prazas de peregrinaxe aquí en Ribadeo. Na actualidade só dispoñiamos de 12 no albergue do Cargadeiro que leva funcionando uns anos e que se ve a todas luces que é insuficiente”. O rexedor agarda que “a palabra dada hai un par de meses a este alcalde polo xerente do Xacobeo non falle e que se liciten canto antes as obras de remodelación do antigo colexio das monxas na rúa Trinidade para facer un albergue realmente importante como merece Ribadeo, de entre 60 e 80 prazas”.
Suárez Barcia explicou que “na escola de Vilela fixemos un albergue transitorio e temporal para este ano xacobeo, instaláronse duchas e servizos nesta escola que quedará rematada nun tempo récord e estará listo xa para esta primeira fin de semana de xullo. As 33 prazas coas que conta súmanse ás 12 que temos en Ribadeo ao pé do Cargadeiro. Todas estas obras da escola de Vilela quedarán para uso e disfrute dos veciños desa parroquia, unha vez que remate este ano santo”.
Voluntarios
O alcalde de Ribadeo tamén subliñou que “xa contamos en Ribadeo cun coordinador do voluntariado, temos tamén a varios voluntarios traballando e aínda está aberto o prazo de inscrición para que todas aquelas persoas que así o desexen poidan anotarse. Só teñen que facer un cursiño on line para poder prestar unha atención especializada aos peregrinos e teñen unha pequena contraprestación económica para que poidan costearse un bocadillo, unha comida, etc. Os interesados en seren voluntarios o único que teñen que facer é achegarse ao Punto de Información ao Peregrino que temos instalado na Oficina de Turismo de Ribadeo”.
Fernando Suárez recalcou que “Ribadeo ten os deberes feitos e agardo que ao longo do verán a Xunta adxudique dunha vez estas obras tan importantes, para o cal conseguimos do anterior goberno bipartito o compromiso de recuperación deste inmoble que era do Bispado, que foi cedido á Xunta, que xa un arquitecto fixo o proxecto básico de execución para convertelo en albergue, e ademais para poder eliminar ese perigo latente que temos nese edificio ao que lle caeu a cuberta hai pouco tempo e que se atopa nunha situación desesperada. Agardamos coa colaboración de todas as administracións levar a bó porto este inmoble tan senlleiro para o casco vello e a partires de agora para o Camiño de Santiago”.