A MARIÑA .- A asociación vén de dar luz verde a dous proxectos que suporán un investimento total de máis de medio millón de euros. A Xunta Directiva aprobou as axudas destinadas á adquisición de maquinaria colleitadora para unha empresa de servizos agrícolas de Barreiros e para o equipamento e acondicionamento do centro socio-cultural de Boimente, en Viveiro.
O primeiro dos proxectos é promovido pola empresa Servicios Agrícolas Piñeiro, que recibirá unha axuda de 198.282,75 euros para proceder á ampliación da empresa e da súa actividade. As promotoras do proxecto de equipamento e adecuación do exterior e interior de centro de Boimente son as mulleres da Asociación de Mulleres Rurais “Fraga das Saímas”, que percibirán unha axuda de 6.061,72 euros para facer fronte a un orzamento de 10.170,68euros.
Tras esta aprobación os expedientes serán remitidos a AGADER para que se proceda a comunicarlle ao beneficiario a resolución e poida iniciar as inversións ou, no seu caso, a xustificación das mesmas para o cobro da axuda.
Con estes, xa son cinco os proxectos aprobados como beneficiarios das axudas Leader na comarca de A Mariña desde que comezou o ano, supondo unha inversión de arredor de 2 millóns de euros.
O montante total das axudas aprobadas ata o momento supera os 440.000 euros, supoñendo un importante incentivo de cara á fixación de empresas e á creación e consolidación de postos de traballo. Cos proxectos aprobados garántese a creación e consolidación de máis de 36 postos de traballo.
Celebración da Asemblea Ordinaria
A continuación da Xunta Directiva tivo lugar a Asemblea anual ordinaria. Nela procedeuse a aprobar as contas do 2009 e o orzamento para o 2010. Asi mesmo, aprobouse o informe anual de funcionamento do ano anterior.
Outro dos acordos foi a ratificación da adhesión do GDR de A Mariña á Asociación Galega de GDR’s, unha asociación na que se integran os GDR’s galegos de cara a unha maior coordinación e á defensa dos intereses dos grupos.
Tamén se iniciou o procedemento para a renovación parcial da Xunta Directiva que terá lugar no mes de outubro.