Nota de Prensa
A Deputación aforra 100.000 euros por Concello coa posta en marcha do Centro de Proceso de Datos
– O Presidente presentou a infraestrutura que dotará ós municipios dos servidores para que máis de 1.000 lucenses realicen simultaneamente os trámites coa Administración
-Arrinca Km@, a campaña provincial de sensibilización da e-administración que inclúe a entrega da “chave” USB da Deputación como símbolo dunha institución aberta as 24 horas
– Besteiro salienta que “nun ano, damos ós veciños o Mercedes para circular pola Rede, agora a Xunta deberá poñer a estrada ó 45% dos lucenses que non teñen acceso á Internet”
O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este mércores o novo Centro de Proceso de Datos –CPD- da Deputación e dos Concellos que se adheriron ó Innova-TE. Trátase do sistema que almacenará e centralizará a información do organismo provincial e dos municipios para que, inicialmente, os cidadáns poidan realizan dende a rede 120 trámites coa Administración. Gómez Besteiro salientou que “o CPD é o corazón do noso programa tecnolóxico, o sistema que bombeará os datos dende a Deputación ós Concellos e viceversa. É o punto de partida da e-administración na provincia, é dicir, o Km0 do noso Km@”.
A Deputación constatou, logo das auditorías tecnolóxicas realizadas nos Concellos que, aínda que a lei obriga ás Administracións a ter un Centro de Proceso de Datos, na actualidade só 13 municipios o teñen e é embrionario. Ademais, a maioría dos Concellos só dispoñen dalgún servidor de escasa velocidade, sen capacidade de almacenamento, e con graves carencias en materia de seguridade. O organismo provincial pon agora a disposición dos municipios que se sumaron ó Innova-TE , -50 ata o momento, e a espera de que hoxe remate o prazo de inscrición-, un sistema de última xeración cos servidores e aplicacións imprescindibles para a implantación da administración electrónica na provincia.
Vantaxes
Gómez Besteiro destacou que “a primeira vantaxe é a económica xa que ofrecemos ós Concellos esta infraestrutura de forma gratuita de tal xeito que, só con esta aplicación, a Deputación aforra a cada municipio 100.000 euros, o prezo real de mercado por adquirir, instalar, manter e dar seguridade a un CPD local”. En total, o organismo provincial aforra 300.000 euros a cada municipio ó asumir os custes de todo o programa Innova-TE, o que supón un desenvolso de cero euros para ós Concellos.
A segunda vantaxe é a seguridade. O novo Centro está controlado informáticamente cada segundo das 24 horas do día, evitando ataques informáticos os 365 días do ano. Sitúase nunha cámara auto-refrixeradora que, a súa vez, atópase nunha sala acristalada no Pazo de San Marcos baixo fortes medidas de seguridade como cristais blindados ou unha entrada con acceso restrinxido. Ademais, na actualidade o organismo provincial xa traballa na instalación dun CPD de Respaldo nas instalacións da Fundación TIC no Polígono do Ceao que, en caso de accidente, actuará para que non se perda a documentación como sucedeu logo do incendio no edificio Windsor de Madrid. O Presidente salientou que “os Concellos non teñen recursos para isto, e hai que ter en conta que este corazón bombeará datos persoais, fiscais, contables, etc”.
Por último, a terceira vantaxe é que o CPD permitirá que máis de 1.000 persoas interactúen coa administración de forma simultánea ó estar composto por material de última xeración e de baixo consumo. Deste xeito, posúe a mesma memoria RAM que 500 ordenadores. Ademais, ten varios discos duros cunha capacidade de almacenaxe de 32.000 xigas onde se poderán gardar ata 17 millóns de libros electrónicos, ou mesmo 3,5 millóns de documentos dunhas 100 páxinas. Con este novo equipo hardware, o organismo multiplica por 5 o espazo de almacenamento de datos actual. “E como aquí nada se tira senón que todo se recicla, o antiguo CPD da Deputación seguirá dando soporte ás áreas internas de Contabilidade e Recadación” salientou o Presidente.
Km@
O titular do organismo provincial salientou que a Deputación, coa posta en marcha do CPD e aproveitando as sinerxias do programa Km0.Deputación de Lugo no que participaron xa 16.000 persoas, comeza o campaña Km@. É a iniciativa que busca sensibilizar ós cidadáns das vantaxas da Administración electrónica. Deste xeito, nas visitas guiadas ó Pazo Provincial, os veciños coñecerán o uso do CPD, verán un vídeo explicativo sobre os obxectivos e melloras do Innova-TE, e faráselles entrega dun USB en forma de chave como símbolo dunha Deputación sempre aberta, e na que non fai falla chamar para entrar.
Acceso á Rede
O 12 de xullo remata o prazo de presentación de ofertas para o concurso de dotación de banda ancha ás Casas Consistoriais. Trátase dunha iniciativa dotada de 1 millón de euros, que se inclúen nos 9 millóns deste programa tecnolóxico, e dos cales o 70% son fondos Feder e un 30% do Inludes, que permitirá ós Concellos contar cunha conexión a Internet de calidade, -de 2 megas como mínimo-. Gómez Besteiro salientou que “no prazo dun ano, damos ós veciños o Mercedes para circular pola rede, agora a Xunta deberá poñer a estrada ó 45% dos lucenses que non teñen acceso á Internet. É importante que o Goberno galego faga unha discriminación positiva con Lugo, e prepare o camiño para a incorporación da administración electrónica xa que Deputación terá todo listo en 2011 sendo a primeira administración da Comunidade que o consegue”.