LUGO .- A Deputación inaugurou en Lugo a oficina do Innova-TE, creada pola UTE de empresas Mnemo-Software-AG-Fujitsu, que resultou adxudicataria do programa tecnolóxico co que a Deputación ofrece unha solución integral á implantación da administración electrónica nos Concellos da provincia, dotándoos de banda longa e converténdoos en sedes electrónicas
Nota de Prensa
Arranca a oficina do Innova-TE coa incorporación de 20 profesionais da provincia
– Gómez Besteiro inaugurou o local, situado na rúa da Raíña, e creado pola UTE encargada da implantación da administración electrónica na provincia
– A través deste centro de traballo, realizaranse novas contratacións a empresas locais, o que vai a permitir crear máis postos de traballo no eido tecnolóxico
– En xullo comezará a funcionar no INLUDES o Centro de Asesoramento Empresarial; unha plataforma multicanal na que se resolverán dúbidas da eadministración a emprendedores, cidadáns ou traballadores
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Lugo, José López Orozco, inaugurou este mércores a oficina do Innova-TE, creada pola UTE de empresas Mnemo-Software-AG-Fujitsu, que resultou adxudicataria do programa tecnolóxico co que a Deputación ofrece unha solución integral á implantación da administración electrónica nos Concellos da provincia, dotándoos de banda longa e converténdoos en sedes electrónicas.
Gómez Besteiro subliñou que “hoxe damos un paso máis para seguir avanzando na implantación das novas tecnoloxías na provincia. Todo isto de nada servirá se a Xunta de Galicia non dota á provincia da banda longa necesaria para que cubra a todo o território, se non o que estaremos facendo é crear veciños de primeira e de segunda: de primeira os que están na capital e, de segunda, aqueles que viven máis afastados e non teñen a posibilidade de facelo. Isto sí que será unha verdadeira fenda para os veciños. De aí este esforzo que facemos de 9 millóns de euros para entrar na administración aberta as 24 horas e os 365 días do ano. A Xunta, que xa asinou os convenios co Ministerio, ten que aplicarse para que empece o despregue da rede. Isto si que sería un compromiso do goberno galego con esta provincia”.
Pola súa banda, o Alcalde subliñou “esta é unha realidade que permite poñer á provincia no lugar que lle corresponde. No Concello de Lugo estamos metidos nun proxecto semellante e xa chegamos a varias escolas rurais. Isto é imprescindible ó igual que o foi o descubrimento da imprenta para que a provincia de Lugo e a cidade deixen de estar á cola. Neste momento de incertidume económica a rede é indispensable para o crecemento da cidade e da provincia”.
Un dos obxectivos do programa tecnolóxico, dotado con 9 millóns de euros, e que debe cumprir a empresa que resultou adxudicataria do proceso no que competiron as firmas máis importantes do país, era a promoción económica da provincia, a través da creación de emprego coa incorporación de persoal cualificado. Deste xeito, para o funcionamento deste centro de traballo a UTE xa incorporou a 20 profesionais da provincia do sector das TICs, “e seguirá realizando novas contratacións a empresas locais, o que vai permitir seguir creando novos postos de traballo no eido tecnolóxico”, apuntou Besteiro.
O centro de traballo sitúase na rúa da Raíña, número 12, 2ºB, e servirá de base para as operacións que desenvolve a UTE, converténdose no emprazamento de referencia da provincia tanto do persoal que se ten que desprazar para a execución do proxecto como do que se siga contratando dentro deste programa nos vindeiros meses.