Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación de Cervo rebaixará os seus salarios e as axudas aos grupos políticos

CERVO .- O equipo de Goberno local do Concello de Cervo ten previsto acometer unha rebaixa dos seu soldos por segunda vez nos últimos doce meses. Así o deu a coñecer hoxe o alcalde, Alfonso Villares.

Esta rebaixa de salario afectará ao alcalde (que pasara de cobrar 42.840 euros ao ano a cobrar 39.841) e á concelleira de Medio Ambiente, Servizos Sociais e Protección Civil, Pilar Armada (cuxo soldo pasará de 16.165 euros anuais a 15.355 euros).

Ademais da contención nos emolumentos destes dous responsables municipais, o grupo de Goberno local tamén ten previsto rebaixar as contías económicas pola asistencia aos órganos colexiados do Concello e as asignacións aos grupos políticos. Así, está previsto que cada grupo político pase de percibir un compoñente fixo de 1.200 a 40 euros anuais, e un variable en función do número de membros de cada grupo de 400 euros anuais por concelleiro (ata o de agora a contía por este concepto era de 600 euros ao ano). Tamén haberá unha rebaixa de 100 a 20 euros por asistencia aos plenos.

Segundo axuste nos últimos doce meses

Alfonso Villares indicou que con estas medidas o concello tentará aforrar ao redor de 3.807 euros anuais en retribucións dos membros con responsabilidades de goberno e lembrou que esta é a segunda vez que o equipo de Goberno local decide acometer unha rebaixa dos seus salarios nos últimos doce meses. “Xa en xuño de 2009 reducimos nun 23% o gasto referido as cantidades percibidas polos membros do grupo de Goberno, pasando de 104.000 a 79.940,24 euros ao ano e agora, con esta segunda rebaixa, pasaremos a destinar por este concepto uns 76.132 euros anuais, aos que hai que sumar o aforro en gastos dos órganos colexiados e por grupos políticos en máis de 8.000 euros ao ano” indicou o rexedor.

O alcalde afirmou que esta contención do gasto municipal no referente ás retribucións de cargos públicos enmárcase dentro da política de austeridade posta en marcha o ano pasado polo grupo de Goberno local a través do seu plan de saneamento económico-financeiro e no cal se recollían medidas coma a conxelación das retribucións aos os órganos de Goberno, asistencias a plenos e aos grupos municipais dende o ano 2008. “A maiores de todo o que xa levamos feito neste sentido decidimos afrontar un novo recorte dos gastos có obxecto de paliar en parte a merma de investimentos e axudas procedentes do Goberno central e para garantir na medida das nosas posibilidades o nivel de servizos que estamos a prestar aos cidadáns” indicou o rexedor.

Exit mobile version