BURELA .- O Hospital da Costa conta dende o ano 1994 cun protocolo para a aterraxe de helicópteros, que centraliza no Servizo de Seguridade a coordinación de todas as operacións a realizar. Así, calquera uso que se realice na plataforma de despegue e aterraxe debe comunicarse e coordinarse co centro hospitalario co fin de garantir a súa operatividade por vía aérea en caso de emerxencia.
O protocolo, que se debe seguir cada vez que se efectúa unha operación de aterraxe ou despegue no heliporto do Hospital da Costa, tal e como recolle dito documento técnico, establece que todos os servizos deben avisar ao encargado da quenda de seguridade ante a previsión dunha aterraxe, e este á súa vez debe comunicarllo á quenda de mantemento, á quenda de celadores e ao persoal de enfermería das plantas da ala este do edificio (que inclúen medicina interna, cirurxía, esterilización, quirófano, reanimación, laboratorio, radioloxía e urxencias).
Inmediatamente despois desta comunicación, o encargado comprobará a operatividade da helisuperficie, evitando a presenza de obxectos sobre a mesma que poidan poñer en perigo a manobra. Así mesmo, evitará o acceso de persoal non autorizado. Finalmente, situarase na porta de comunicación do pasillo de quirófano coa rampla de acceso ao heliporto, manténdoa pechada e evitando a saída de persoal ata que o helicóptero se atope posado, controlando desde ese momento que o persoal do centro sanitario non se achegue ao rotor de cola.
O protocolo indica tamén que é o Servizo de Seguridade do Hospital o responsable do encendido e apagado das luces de sinalización de pista, así como dos reflectores, cada vez que chegue un helicóptero ao centro.
Segundo fixo saber a Xerencia do Hospital de Burela, o heliporto do Hospital da Costa en Burela foi utilizado o pasado xoves por unha aeronave do Goberno de España sen informar previamente ao centro hospitalario nin ao 061, polo que o heliporto quedou inoperativo para o seu uso preferente durante varias horas. A Xerencia do hospital lembra que a utilización do heliporto ten que seguir criterios de operatividade para os que presta os seus servizos -sanitarios e de emerxencias-, polo que non se debe bloquear a unidade de emerxencias do 061.