BURELA (FNC) .- A Delegación de Medio Ambiente presentou esta mañá as actividades que desenvolverán este verán as monitoras da Aula de Educación Medioambiental Gaia. Comezarán o día 1 de xullo e rematarán o 31 de agosto.
A edil socialista Lucía Bouza explicou que “por unha banda, están os obradoiros de animación á lectura, de barro, de manualidades con materiais de refugallo, de globoflexia, etc…, que se desenvolverán os luns, martes e mércores e que están destinados a nenos e nenas que cursaran este ano infantil e primaria. E por outra banda, están as actividades ao aire libre, que os xoves consistirán na realización de roteiros medioambientais para nenos e nenas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de ESO, e os venres estarán adicados a outro tipo de actividades ao aire libre, como xogos con paracaídas, cometas na praia, parchís xigante, etc… éstas últimas son para nenos e nenas de 1º e 2º ciclo de primaria”.
A concelleira de Medio Ambiente convida “a todos os nenos e nenas de Burela a participar nestas actividades que son totalmente gratuitas. Calquera pode informarse ou inscribirse na biblioteca municipal, en horario de 9:00 a 14:00 horas”.