BURELA (FNC) .- Un técnico de Fomento viaxará a Burela para supervisar as posibles colocacións dos indicadores á vila desde a autovía e desde outras estradas da comarca. Así o anunciou o rexedor despois de manter un encontro en Lugo esta mañá con responsables dese departamento.
Alfredo Llano, que viaxou acompañado dunha representación da asociación de veciños O Vencello, indicou que “Burela ten que estar presente nesa cartelería como vila importante que é e tamén queremos que estea perfectamente sinalizado o hospital. Despois para a cartelería turística hai tres posibilidades, podemos colocar indicadores culturais, paisaxísticos ou que sinalicen onde están as nosas praias. Segundo nos contaron esta cartelería está xestionada pola Xunta, polo que a administración autonómica tería que chegar a un acordo con Fomento”. O alcalde engadiu que “si estivésemos no catálogo de pobos nos que se poden instalar ese tipo de indicadores todo sería máis fácil. Entón decidiremos cal é a cartelería que máis nos pode interesar”.
Llano explicou que “o que está claro é que na A-8 haberá indicadores hacia Burela, na saída de Barreiros na Espiñeira tanto en sentido Asturias (cando sexa posible), como en sentido Lugo na actualidade. Ademáis haberá que ver co técnico de Fomento os outros indicadores que colocaremos noutras rotondas da comarca”.