Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebra as “III Xornadas da pescada do pincho” do 28 ao 30 de maio

BURELA (FNC) .- Do 28 ao 30 de maio terán lugar en Burela as terceiras xornadas gastronómicas da pescada do pincho. O prezo da ración será de 6 euros ao igual que en anos anteriores. A cita gastronómica foi presentada hoxe polo alcalde, Alfredo Llano, pola concelleira de Mar, Remedios López e polo presidente de Absa, Abelardo Basanta.

A edil socialista sinala que “estas xornadas coincidirán co inicio das festas patronais e coas xornadas técnicas de Expomar onde se reunirá moita xente de fora. O concello de Burela intenta fomentar e promocionar a innovación e a calidade dun dos sectores mais populares da nosa vila como é a nosa gastronomía, publicitando un dos produtos estrela do noso peirao”.

Nesta ocasión participan nas xornadas gastronómicas da merluza do pincho 14 hoteleiros: Parrillada de Jandro, Mesón do Poeta, La Bodeguilla, Os Remos, O Sargo, Don Jamón, Miranda, Palacio de Cristal, Hamiltón, Mesón de Carlos, a Marquesa, A Facenda, PizzBur e Cervecería Kiko. Remedios López engade que “dende Absa ven moi positiva esta iniciativa de promocionar os seus produtos, e van agasallar como fixeron en anos anteriores cunha merluza do pincho a cada restaurante que participe nesta festa gastronómica. O Concello pola súa parte faráse cargo, como organizador das xornadas, da publicidade en prensa e radio e tamén da cartelería sen coste algún para o hostaleiro. O que pretendemos é que Burela sexa un sitio atractivo e pintoresco para vivir e coñecido pola súa pesca de gran calidade onde o turista poderá disfrutar da gastronomía saudable e apoiar ao noso tecido produtivo”.

A concelleira de Mar anunciou que “xunto coas xornadas gastronómicas e con motivo das festas patronais organizamos unha exposición fotográfica de retratos antigos para homenaxear ás nosas xentes dándolle continuidade a un evento fotográfico anterior e plasmando o transcurso de cen anos de recordos da nosa forma de vivir. Esta exposición faise grazas á colaboración do pobo que está a doar continuamente fotos e en especial da familia de Arcadio Pardiñas e tamén da asociación das Casas Baratas de Burela tendo no arquivo fotográfico da Concellería do Mar preto de 2.000 exemplares. Arquivo que sempre me gusta recordar está vivo e aberto para todos aqueles que as queiran doar e algún día ver expostas na praza os seus retratos”.

Remedios López segue a relatar que “esta exposición consta de 90 fotos antigas en branco e negro, colocadas en 45 paneis de aceiro. Estará colocada todo o verán na praza do Concello para recordar que a pesca segue a ser un dos inxectores da economía da Mariña, o que antes era unha actividade estival agora convertese nun oficio próspero e competitivo e grazas a él conséguense importantes ingresos económicos e turísticos que fan que Burela se desenvolva e medre. Esta plataforma de comunicación recorda o curso do patrimonio natural e cultural da nosa zoa pesqueira, pasando por chalanas a remos, barcos de madeira a vapor ata os nosos días con barcos de ferro cos últimos avances tecnolóxicos. Tamén se ven reflectidos os oficios de redeiras e industrias como a conserveira que naquela época creaba moitos postos de traballo que agora se extinguiron. Pretende así alcanzar unha maior concienciación e sensibilidade sobre o mundo do mar, potenciando o seu afianzamento como marco xerador de emprego e desenrolo socioeconómico”.

Exit mobile version