Site icon Crónica3.com A Mariña

Sanidade cita obras inacabadas no Hospital da Costa e anuncia melloras na área de diálise

Xinecoloxía e obstetricia está en obras desde o ano pasado

SANTIAGO .- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, informou no pleno do Parlamento sobre o Plan de Modernización de Infraestruturas sanitarias e fixo referencia a proxectos e obras, entre as que citou que no Hospital de Burela atópase en fase de construción a área de xinecoloxía e obstetricia, cun investimento de máis de 800.000 euros, e en fase de licitación a cuberta e a rampla de acceso, cun orzamento de 650.000 euros. De seguido, modernizarase a área de diálise, coa mellora dos espazos e a incorporación da diálise peritoneal.

REFERENCIA

O PLAN DE MODERNIZACIÓN DE INFRAESTRUTURAS SANITARIAS 2010-2013 DO SERGAS PERMITIRÁ INVESTIMENTOS POR VALOR DE 1.000 MILLÓNS DE EUROS

Así o sinalou hoxe no Parlamento de Galicia a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas
O Plan garante o carácter público de todos os investimentos e a prestación sanitaria universal e gratuíta para todas e todos os galegos
Mellórase a sostenibilidade económica sanitaria, social, territorial e medioambiental da rede de centros sanitarios do Sergas; redúcense os custes enerxéticos e de mantemento, e increméntase a eficiencia dos servizos non sanitarios asociados
Impúlsase a xeración de emprego, tanto a curto prazo, para a construción das infraestruturas, como a longo prazo, para levar a cabo as tarefas de mantemento
Refórzase a rede de atención primaria coa construción de 63 novos centros, dos que 13 están xa en construción

Santiago, 11 de maio de 2010.- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, informou hoxe, no Pleno do Parlamento, que o Plan de Modernización de Infraestruturas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, para o período 2010-2013, permitirá investimentos por valor de 1.000 millóns de euros. Segundo a responsable da sanidade pública galega, “coa execución deste plan damos resposta ao noso compromiso de modernizar a rede sanitaria do Sergas, renovación e modernización longamente esperadas e necesitadas”.

Ademais, segundo remarcou a titular da carteira sanitaria, grazas ao Plan impúlsase a xeración de emprego, tanto a curto prazo, para a construción das infraestruturas, como a longo prazo, para levar a cabo as tarefas de mantemento, conservación, limpeza, vixilancia ou reposición, entre outras.

Pilar Farjas lembrou que nos atopamos nunha situación de grave crise económica, de diminución de ingresos públicos, que dificulta a realización dos investimentos precisos, “polo que é necesario buscar fórmulas que permitan independizar as infraestruturas do ciclo económico e poder garantir así a súa dispoñibilidade”.

Sabemos que o sector sanitario pode actuar como dinamizador da economía, como impulso para a creación de riqueza e postos de traballo, e con gran capacidade de mobilización de recursos. Precisamos, por tanto, -proseguíu a conselleira-, buscar sinerxias para seguir avanzando e utilizar fórmulas de xestión que permitan a máxima eficiencia co obxectivo de garantir a prestación de servizos de calidade e a sostenibilidade do sistema sanitario público de Galicia.

O Plan hoxe presentado inclúe proxectos de diferentes magnitudes de investimento, o que posibilitará a participación de empresas de diversos tamaños, abrindo novas posibilidades de especialización das nosas industrias. Engadido a todo o anterior, este Plan promove a cooperación dos distintos sectores, o financeiro, o da construción, o de servizos, o de mantemento, o de enxeñeiría, ou de alta tecnoloxía.

Control público
A conselleira de Sanidade subliñou que todos os proxectos quedan baixo o control público, mediante a definición dos criterios de inspección e vixilancia nos pregos de contratación, como a través do seguimento do cumprimento dos requisitos de calidade e resposta coa aplicación das penalidades que proceda.

Grazas ao Plan mellórase a sostenibilidade económica sanitaria, social, territorial e medioambiental da rede de centros sanitarios do Sergas. Así mesmo, redúcense os custes enerxéticos e de mantemento e mellórase a eficiencia dos servizos non sanitarios asociados. Xunto con todo o anterior, poténciase a asistencia sanitaria da atención primaria e a súa capacidade resolutiva e dótase aos centros de unidades para a investigación e a docencia en ciencias sanitarias.

Asemade, Pilar Farjas destacou que, por medio do Plan, garántese a dotación de centros hospitalarios do Sergas no menor tempo posible, de acordo ás necesidades asistenciais.

Máis vantaxes
Outra das vantaxes do Plan é o reforzamento da aposta permanente pola seguridade, garantindo a conservación e o mantemento das infraestruturas sanitarias en condicións óptimas. Asemade, o Plan complementa a capacidade inversora cos fondos orzamentarios, directamente afectada pola reducción de transferencias do Estado á Comunidade Autónoma, coa mobilización da inversión externa.

Ademais de todo o antedito, e para que os investimentos de obra nova non comprometan a estabilidade orzamentaria, e polo tanto non computen no déficit durante o período de execución, a repercusión nas contas aprazarase á finalización das mesmas, reducindo o impacto ao longo do período das concesións. Desta maneira, o custe das infraestruturas será asumido solidariamente por todas as xeracións que as van disfrutar.

A fórmula de financiamento escollida, o modelo concesional, contempla o pago nun canon único anual que paga o investimento, a conservación, o mantemento e os servizos non sanitarios externalizados, así como a retribución dos recursos invertidos.

Para cumprir co obxectivo de que non computen no déficit (seguindo os requisitos establecidos por Eurostat SEC 95) transfírense aos concesionarios os riscos de construción e de dispoñibilidade.

Proxectos e obras
Dende que este Goberno chegou á Xunta estamos a realizar, dixo Pilar Farjas, actuacións necesarias e urxentes que continuaranse ao longo da lexislatura. As principais actuacións iniciadas e previstas para os próximos anos son, no Complexo Hospitalario de Vigo, a reforma da unidade de radioloxía neurovascular, cun investimento de medio millón de euros. No centro de especialidades da Doblada o Sergas investirá case que 300.000 euros para rematar a rehabilitación das fachadas do edificio.

No Complexo Hospitalario de Pontevedra realizarase a reforma integral de tres quirófanos do provincial, por un importe de 1,8 millóns de euros.

No Hospital do Salnés revisarase o Plan Director, ao terse detectado unha serie de deficiencias no elaborado polo anterior Goberno. Seguidamente, procederase a licitar a fase II, que suporá un investimento dun millón de euros e abordará a ampliación do bloque cirúrxico ata 6 quirófanos e a ampliación das urxencias. Tras estas actuacións porase en marcha a fase III, que inclúe as consultas, administración, diálise, rehabilitación e admisión.

No Complexo Hospitalario de Ourense estamos redifinindo, dixo a conselleira, o Plan Director. A fase I inclúe a remodelación e reunificación da hospitalización de agudos nun novo edificio. A fase II afectará ás consultas externas e áreas ambulatorias. O investimento estimado para estas actuacións sitúase ao redor dos 131 millóns de euros. Na actualidade está en licitación a obra civil para instalar o equipo de radioloxía vascular no Hospital Nosa Señora do Cristal, cun investimento dun millón de euros.

No Complexo Hospitalario Universitario A Coruña iniciose a fase 2.1 que se atopa en proceso de licitación. Para a mesma está previsto un investimento de 42 millóns de euros e comprende a reforma e ampliación de 23.000 m2, para un prazo de execución de 39 meses.

No C.H. Arquitecto Marcide está programada a revisión do Plan Funcional e a redacción do Plan Director, que contemplará a reorganización da área de Ferrol pola integración do Hospital de Defensa. Neste momento, está en execución a reforma da cuberta do Hospital Novoa Santos, por un importe de 565.000 euros.

No C.H. Universitario de Santiago está en execución a reparación das fachadas do hospital médico cirúrxico de Conxo, cun investimento de máis de 6 millóns de euros, e a ampliación e reforma do local para a área de medicina xenómica, por un investimento de 2,2 millóns de euros. Neste complexo tamén esta adxudicada a obra de acondicionamento de espazos para o laboratorio de fecundación in vitro, por máis de 400.000 euros, e tense en proceso de licitación o acondicionamento dos locais da unidade de resonancia magnética, cun investimento de preto de 700.000 euros. Tamén está en proceso de redacción o proxecto básico e de execución da reforma da unidade de coidados intensivos e da unidade de preingreso, cun orzamento superior ao millón de euros.

No Hospital de Monforte está pendente de licitación a reparación da fachada, que terá un orzamento de máis de 400.000 euros.

No Hospital de Burela atópase en fase de construción a área de xinecoloxía e obstetricia, cun investimento de máis de 800.000 euros, e en fase de licitación a cuberta e a rampla de acceso, cun orzamento de 650.000 euros. De seguido, modernizarase a área de diálise, coa mellora dos espazos e a incorporación da diálise peritoneal.

Tres grandes infraestruturas
Para a conselleira de Sanidade, os tres grandes obxectivos desta lexislatura son pór en marcha os novos hospitais de Lugo, Vigo e Pontevedra. Respecto do de Lugo, a día de hoxe está adxudicado practicamente todo o licitado, por máis de 30 millóns de euros. Ademais, licitouse a cociña e a gardería, por máis de 5,7 millóns, que xa está adxudicada e neste momento está xa en execución. Tamén está licitado o plan estratéxico e de traslado, e temos previsto, -dixo Pilar Farjas-, que no verán se estean trasladando as infraestruturas dos hospitais vellos ao novo.

Respecto do hospital de Vigo, dende que chegamos ao goberno, asinamos o contrato para as tarefas técnicas cara á expropiación de terreos, presentouse o plan funcional, publicouse o anuncio de contratación, púxose a información pública o estudo de viabilidade e publicaranse esta semana os pregos de licitación. A adxudicación e a sinatura do contrato realizarase no último trimestre de 2010 e temos previsto, -remarcou a conselleira-, iniciar as obras a finais de ano. Pero o máis importante é que o novo hospital de Vigo vaise facer e vaise facer canto antes.

No que se refire ao Hospital de Pontevedra, despois da elaboración e presentación do Plan Funcional e de Espazos no 2009, aprobouse no Consello da Xunta a declaración do Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e, neste ano, no pasado mes de marzo, licitouse a redacción do proxecto sectorial, do anteproxecto e da elaboración do prego do novo hospital, por un importe de 1.200.000 euros.

Centros de saúde
En canto aos centros de saúde, nesta lexislatura Pilar Farjas comprometeuse a reforzar a rede de centros de atención primaria coa construción de 63 novos centros, dos que 13 están xa en construción, ademais de tres centros de alta resolución, o que suporá un investimento de máis de cen millóns de euros. A conselleira recordou que xa no 2009 o seu departamento destinou preto de 6 millóns á construción de novos centros, e 1,7 a reformas, melloras e modificados.

Faise, pois, unha aposta tamén pola atención primaria de calidade na que as novas tecnoloxías permitan o acceso e o uso da historia clínica informatizada, as probas diagnósticas e os seus informes e resultados dende a consulta do médico deste nivel asistencial, evitando viaxes e desprazamentos aos hospitais, e co acceso á receita electrónica que reduce, de maneira importante, a carga administrativa dos nosos profesionais.

Na súa intervención na Cámara galega Pilar Farjas manifestou que falar de privatización é xerar un discurso superado, exclusivamente político, que atende a intereses duns poucos, “aos seus intereses e non aos dos galegos”, -díxoselles aos grupos da oposición-. “Pretenden entorpecer a contrución das infraestruturas que necesitan as galegas e galegos e que a Xunta está decidida a executar no menor tempo posible”.

Exit mobile version