Site icon Crónica3.com A Mariña

Representantes da Mancomunidade da Mariña e do Consorcio da Ribeira Sacra avalían actuacións turísticas

SOBER .- Representantes da Mancomunidade de Municipios da Mariña e do Consorcio da Ribeira Sacra mantiveron hoxe unha reunión de traballo para avaliar novas actuacións en materia turística e de desenvolvemento económico nas dúas zonas.

O encontro serviu para a posta en común de programas de actuación tanto de cara o desenvolvemento de medidas promocionais como a realización de plans de mellora de bens patrimoniais, rutas ou posta en marcha de colectivos orientados ao impulso do sector turístico.

Neste sentido, a delegación mariñana, encabezada polo presidente da Mancomunidade da Oriental, Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros, e o presidente da área de Turismo do ente, Alfonso Villares, alcalde de Cervo, xunto co alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, interesouse polas liñas de actuación abertas polo Consorcio da Ribeira Sacra trala concesión no ano 2005 dun Plan de Dinamización Turística (PDT). Este proxecto, do que a comarca mariñana ten o compromiso por parte da Xunta de Galicia que será beneficiario -sempre que Turespaña convoque os Plans de Competitividade no presente ano, caso no cal, A Mariña recibiría o que lle fose asignase a Galicia-, centrou parte da xuntanza.

Os dous grupos de traballo coincidiron en que o PDT serviría no caso da Mariña como “catalizador de iniciativas” e redundaría “nun bum para a zona no ámbito turístico” do mesmo xeito que o supuxo para os 20 concellos (12 lucenses e 8 ourensáns) que aglutina a Ribeira Sacra. Como exemplo, os representantes do consorcio presentaron as cifras de ocupación hoteleira que presentou a área no último ano: 82% nos 185 días que se toman como referencia de tempada alta, uns datos que multiplicaron a ratio que presentaba a Ribeira Sacra no ano 2005.

Os membros do Consorcio da Ribeira Sacra, encabezados polo presidente do mesmo, Juan Carlos Armesto, acompañados pola delegada territorial, Raquel Arias, expuxeron as medidas impulsadas dende o ente no último lustro de cara ao aproveitamento por parte da mancomunidade do norte da provincia. Armesto incidíu no desenvolvemento de catro grandes bloques: “Posta en marcha dun modelo de formación (cursos e actividades para a mellora e reciclaxe de persoal), desenvolvemento de plans de recuperación e impulso da riqueza patrimonial da zona, realización de programas promocionais (tanto dentro do ámbito turístico como a nivel xeral) e establecemento dun patrón de xestión colectivo e con vocación de permanencia”, indicou Armesto.

Segundo os representantes da comarca costeira, os plantexamentos do consorcio da Ribeira Sacra conflúen na “idea colectiva de creación de marca, fuxindo de localismos” que manexa o seu grupo. De feito, a comarca costeira vai actuar “sobre estes fundamentos” no plan estratéxico que xa ten contratado, co apoio da Secretaría Xeral de Turismo, tal e como manifestaron os alcaldes presentes. “Ese plan, que ten que ser a nosa folla de ruta vai a permitirnos traballar coordinadamente con todos os axentes públicos e privados que desexen e/ou estean a traballar en temas turísticos na zona”, expresaron os membros da mancomunidade costeira. Así mesmo, Turismo ten xa en marcha na Mariña a organización de dous fam-trip e realizou unha campaña promocional na Feira Internacional do Turismo (FITUR).

Tanto Fuente como Villares destacaron que o citado plan ten como obxectivo final “definir a estratexia de desenvolvemento dun produto turístico diferenciado na Mariña dende a óptica da sustentabilidade e a participación, identificando as potencialidades, segmentos e nichos de mercado prioritarios”. Do mesmo xeito, preténdese fixar “os obxectivos e metas a acadar e definindo a posición máis apropiada” para o produto no mercado turístico, polo que os contactos sectoriais ou con entes como o Consorcio da Ribeira Sacra “sirven para obter novas posibilidades e enriquecer as liñas de actuación a seguir”.

Os dous grupos destacaron que a posta en común resultou productiva e ofreceu “a apertura a novas vías de traballo” para contactos con touroperadores ou realización de proxectos que permitan aproveitar o grande potencial de ámbalas dúas áreas, nas que converxen na actualidade as maiores expectativas de mellora como destino turístico dentro da provincia de Lugo.

Exit mobile version