RIBADEO .- Segundo indica Portos de Galicia, rematou as obras de aumento do nivel do peirao comercial de Ribadeo. As obras consistiron no aumento de nivel da superestrutura do tramo Norte do peirao comercial nunha lonxitude de 198 metros, ata unha altura de 5,10 metros que coincide co nivel do resto do peirao.
Nota de Prensa
Esta actuación tivo por obxecto aumentar o nivel do peirao comercial e de armamento afectados polas inundacións producidas polas mareas vivas
PORTOS DE GALICIA REMATOU AS OBRAS DE AUMENTO DO NIVEL DO PEIRAO COMERCIAL DE RIBADEO
* As obras consistiron no aumento de nivel da superestrutura do tramo Norte do peirao comercial nunha lonxitude de 198 metros, ata unha altura de 5,10 metros que coincide co nivel do resto do peirao
* O orzamento foi de 940.618,10 euros e o prazo de execución de nove meses.
Santiago, 4 de maio de 2009.- O ente público Portos de Galicia, anuncia o remate das obras de aumento de nivel do peirao comercial de Ribadeo, na provincia de Lugo. O orzamento foi de 940.618,10 euros e o prazo de execución de nove meses.
Esta actuación tivo por obxecto definir e valorar as obras necesarias para a execución do recrecido dos muros e explanadas colindantes do peirao comercial e de armamento afectados polas inundacións producidas polas mareas vivas, para que en todo momento estean dispoñibles todos os espazos, de xeito que as empresas que os utilizan, o fagan con plenas garantías e, mantendo en todo momento a actividade dos mesmos.
As obras consistiron no aumento de nivel da superestrutura do tramo Norte do peirao comercial nunha lonxitude de 198 metros, regularizándoa en todo el a unha altura de 5,10 metros que coincide co nivel do resto do peirao, o aumento de cota do tramo anterior do peirao de armamento nunha lonxitude de 55 metros, o recrecido da fronte entre ambos peiraos, e a elevación de todos os pavimentos que como consecuencia de ditos recrecidos necesitan da súa restitución para adaptar as pendentes superficiais ás novas cotas.
Ademais, debido ao aumento de cota que se proxectou, e dado que os actuais medios de amarre non poderían ser recuperados para a súa nova colocación, é polo que foi necesaria a súa restitución por novos amarres, colocándose boiardos no peirao comercial de 850 quilos, substituíndo tamén as actuais defensas por outras verticais colocadas no paramento do peirao e en toda a súa lonxitude.
Para o peirao de armamento colocáronse boiardos de 650 quilos, recolocándose as súas defensas e aproveitando no seu caso as defensas retiradas do peirao comercial. Tamén se ten previsto adaptar todas as escalas metálicas dos paramentos dos novos peiraos afectados.
Asimesmo, do resultado do aumento de cota, foi preciso tamén elevar a actual baliza da punta do peirao comercial, así como a súa caseta e os elementos afectados do subministro de combustible que se emprazan en dito peirao.