MONDOÑEDO .- Antonio Veiga, delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, deu a saída hoxe á 2ª etapa da Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo en Mondoñedo, onde tamén se produciu a chegada da etapa. Xunto ao nacionalista Antonio Veiga estivo o alcalde mindoniense, o tamén nacionalista Orlando González, e o presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, organizador da proba, Eugenio Paz.
O delegado de Cultura e Deportes da Deputación tamén foi o encargado de entregar os premios aos vencedores da clasificación xeral e das diferentes categorías. Ademais, Antonio Veiga seguiu o transcurso da proba moi de preto, a bordo dun dos vehículos de seguimento da carreira acompañado de Eugenio Paz.
Nesta segunda etapa da Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo, con saída e chegada en Mondoñedo, os corredores tiveron que facer fronte a 108 quilómetros no seu transcurso por diferentes concellos da mariña. As metas volantes para a puntuación estiveron en Barreiros e Ribadeo, mentres que os sprints especiais foron repartidos entre Alfoz, Santiago de Reinante e Lourenzá. Logo da etapa de transición con apenas desniveis na que onte gañou o ruso do Ferroatlántica,Vladimir Shchekunov, na etapa de hoxe só un par de portos de terceira (alto da Couboeira) e de segunda (alto da Cadeira) puxeron en apertos aos corredores.
A etapa realmente dura e decisiva terá lugar mañá, con saída e chegada en Monforte de Lemos, pero na cal os corredores terá que ascender ao alto do Poio, un porto de primeira categoría, así como ao alto do Boi, de segunda, e o alto de Aira-Padrón, de categoría especial. As metas voantes estarán situadas en Bóveda e Quiroga, mentres que os sprints especiais disputaranse en Rubián e Laxosa.
Oiarzun, novo líder da III Volta
O corredor do Froiz, Carlos Oyarzun, vencedor da edición anterior da Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo, é o novo líder da xeral tras unha escapada en solitario a partir do porto de montaña de Cadeira. O ciclista do Froiz logrou desfacerse do grupo de escapados cun forte ataque que lle serviu para chegar en solitario á meta e sacar máis de un minuto e medio aos perseguidores, logrando así o primeiro posto da xeral e relegando ao ruso Vladimir Shchekunov ao segundo posto da clasificación xeral.
A etapa transcorreu pola comarca da Mariña cun ritmo altísimo desde o inicio, propiciando que o pelotón avanzase a gran velocidade até o momento no que se produciu a fractura dun grupo de escapados, entre os que se atopaba ben situado o ciclista do Froiz, Carlos Oyarzun. Deste grupo escapado, Oyarzun logrou desfacerse na subida á Cadeira, co que entrou en solitario na meta de Mondoñedo situándose primeiro da clasificación xeral.
Nesta III Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo participan máis dun cento de corredores dos equipos participantes: ademais do local Cidade de Lugo, os galegos do Chin Autronic de Vigo, Aluminios Cortizo de Padrón, Renault Caeiro de Cambre, Caixanova do Porriño e o Supermercados Froiz do Poio; os españois Caja Rural do País Vasco, Azysa-Cetya-Conor de Navarra, Camargo-Ferroatlántica de Cantabria, Diputación de León (de León), o Ciudad de Oviedo e Construcciones Paulino de Asturias e o Inverse de Murcia, aos que hai que engadir o Maia de Portugal e o Lokomotiv ruso.