A edil socialista, Remedios López confirma que “rematou o primeiro módulo de primeiros auxilios, de 22 horas de duración e aprobou o 100% do alumnado, obtendo o título pertinente e optando a acceder á proba de acceso ao curso de socorrismo acuático de 80 horas de duración”. López Villar sinala que “esta proba que se fixo o 19 de abril na piscina municipal de San Cibrao require uns coñecementos mínimos de natación e mergullo. Consistiu en nadar 200 metros en estilo libre en 4 minutos e mergullar 25 metros, proba que só lograron superar 8 alumnos. Estes 8 rapaces comezaron o 20 de abril a facer o módulo de socorrismo acuático, co obxectivo de formarse nos coñecementos e as habilidades necesarias para as tarefas de socorrismo, así como coñecer a lexislación actual no medio acuático”.
A responsable da Concellaría de Mar anuncia que “as prácticas comezarán na piscina municipal de Cervo e unha vez collido o ritmo serán nas praias da costa de Burela revisados en todo momento pola lancha de salvamento da Cruz Vermella e este ano contaremos cunha importante novidade, esta semana do 11 ao 13 teremos o apoio dos servizos da Xunta de Galicia que axudarán a facer unha proba prácticas de socorrismo, este espectáculo digno de ver creemos que vai xuntar numeroso público e axudar a formar mellor aos novos socorristas”.
A edil socialista agarda “rematar o curso o 13 de maio xusto antes de que os Concellos comecen a selección de socorristas para as súas praias, creando un foco de emprego e dándolle a oportunidade de traballar durante os meses estivais á nova mocidade”.