Site icon Crónica3.com A Mariña

Estudantes de Xove reflexionan sobre a violencia e a pobreza coa exposición ‘A Paz Cuestión de Fondo’

XOVE .- Alumnos e alumnas dos centros públicos de Xove están a traballar estes días sobre ideas como a pobreza, o racismo ou a violencia a través da exposición ‘A Paz Cuestión de Fondo’ organizada polo Concello en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Na última semana visitaron a mostra 65 rapazas e rapaces do IES Illa de Sarón pertencentes aos catro cursos de Secundaria e mais ao Programa de Diversificación Curricular. Nos vindeiros días está previsto que se acheguen os escolares de 5º e 6º de Primaria do colexio Pedro Caselles.

A ambos os dous centros facilitáronselles as unidades didácticas elaboradas polo Fondo Galego canda a exposición, nas que se pretende familiarizar ao alumnado cos conceptos básicos necesarios para unha comprensión axeitada da paz nun sentido amplo, os factores que a ameazan e mais os instrumentos, actitudes ou ideas que contribúen a promovela. Trátase de que entendan que a paz non é só a ausencia de guerra, pois existen outros tipos de violencia que atentan contra ela. Ao mesmo tempo, inténtase desenvolver nos máis novos un espírito crítico coa realidade.

Os paneis de ‘A Paz Cuestión de Fondo’, elaborados en clave de viñetas por 28 autores de 16 países diferentes, permanecerán na pasarela de exposicións do Centro Cívico de Xove ata o 21 de maio. A mostra, que está aberta ao público xeral de luns a domingo en horario de 18 a 21 horas, convida a reflexionar sobre a pobreza como unha forma de inxustiza social que xera exclusión, racismo e violencia. Así mesmo, a falta de oportunidades impídelle á sociedade medrar en condicións de dignidade, o que aumenta as diferenzas sociais e agudiza o abismo entre ricos e pobres.

O Fondo Galego de Cooperación entende que o desenvolvemento sostible non é posible nun contexto de pobreza, violencia e racismo. Por iso, con esta exposición quere contribuír a crear un clima de opinión favorable á promoción dunha nova orde económica internacional, sen excluídos nin perdedores.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que actualmente engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Foi fundado en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste modo de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 125 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade mantén aberta unha conta de emerxencia para a reconstrución do Haití.

Exit mobile version