RIBADEO (FNC) . ACISA e o Centro Comercial Aberto de Ribadeo fan un balance moi positivo da I Ruta de Compras que se celebrou paralelamente ao Ribadeo de tapeo. A xerente do CCA di que “foi unha aposta arriscada que os clientes souberon aproveitar”.
Beatriz Irigoyen manifesta que “o balance foi moi positivo, xa nós tiñamos esa esperanza cando nos metemos neste proxecto. foi moi positivo porque estivemos apoiando desde o CCA a ruta de tapas Ribadeo de tapeo, porque cremos que é moi importante e dinamizadora e pensamos que tiñamos que estar aí”. A xerente do CCA engade que “a xente interesouse por todas as ofertas, as promocións, houbo xente que aproveitou máis e outra menos, pero foi unha campaña moi interesante. Todos puideron aproveitarse de interesantes descontos que foron do 3 ao 50% e tamén de importantes promocións. Era unha aposta arriscada do Centro Comercial Aberto de Ribadeo porque nunca fixeramos unha campaña promocional deste tipo, pero cremos que o futuro das nosas accións irá cara aos descontos e os agasallos. Estamos encantados co resultado da campaña e cremos que os clientes tamén”.
Beatriz Irigoyen aproveitou “para felicitar aos gañadores do Ribadeo de tapeo e teño que dicir con moito orgullo que o gañador da mellor tapa do ano é o restaurante La Solana, que é un dos nosos grandes colaboradores e asociados co que traballamos en prol de Ribadeo, e tamén A Ribeira, que é outro dos nosos asociados”.