SANTIAGO .- O xuíz de primeira instancia do xulgado número 2 de Compostela vén de esixir a ADEGA o depósito dunha fianza de 10 mil euros para poder persoarse como acusación no proceso por prevaricación contra José Manuel Álvarez-Campana Gallo, aberto a instancias da Fiscalía Medioambiental. A acusación parteu da Fiscalía e baséase en dúas sentenzas firmes do TSXG contra a aprobación da DIA e o proxecto da piscifatoría de Rinlo (Ribadeo).
Nota de Prensa
Fianza de 10.000€ a ADEGA para persoarse como acusación no xuízo a Álvarez-Campana
O xuíz de primeira instancia do xulgado nº 2 de Compostela vén de esixir a ADEGA o depósito dunha fianza de 10.000€ para poder persoarse como acusación no proceso por prevaricación contra José Manuel Álvarez-Campana Gallo, aberto a instancias da Fiscalía Medioambiental. ADEGA entende excesiva esta fianza, máxime cando a acusación parteu da Fiscalía e baséase en dúas sentenzas firmes do TSXG contra a aprobación da DIA e o proxecto da piscifatoría de Rinlo (Ribadeo). Noutros recentes casos abertos contra o criterio a Fiscalía e sen haber sentenzas firmes, impuxéronse ás acusacións populares fianzas máis baixas: na denuncia contra Garzón, “Manos Limpias” única acusación no proceso, tivo que facer fronte a unha fianza de 6.000€.
Logo de que ADEGA paralisara en 2005 as obras da piscifatoría, dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a consecuencia de senllos recursos contencioso-administrativos presentados por ADEGA, viñeron a demonstrar a aprobación ilegal desta instalación por parte da administración. Da lectura destas resolucións despréndese que a postura de ADEGA evitou danos irreparábeis ao espazo protexido, argumento que deixa sen efecto a excusa do imputado de que non se causou ningún dano. Ao tempo, xurden as lóxicas dúbidas sobre as verdadeiras motivacións que guiaron as resolucións do imputado.
Consecuentemente, a Fiscalía Ambiental denunciou a Álvarez-Campana por dous presuntos delictos de prevaricación ambiental e urbanística. Resulta pois evidente que as actuacións de ADEGA neste caso, sempre en defensa do territorio e dos espazos naturais, nunca foron algo caprichoso. Non entendemos a que resposta impoñer unha fianza (e de 10.000€, nada menos) a ADEGA, cando a denuncia parte da Fiscalía e está fundamentada nas resolucións da Xustiza: no escrito de acusación o Fiscal aprecia indicios de que o comportamento do imputado atendeu a “intereses económicos alleos”.
Ditar resolucións presuntamente inxustas, incumprindo os preceptos legais que garanten a conservación dos nosos valores naturais, non pode saír de balde. O Sr. Alvarez-Campana terá que dar contas perante o xuíz das súas actuacións, que a Fiscalía e ADEGA consideramos delictivas. A xustiza debería adicarse a clarexar os feitos denunciados e determinar as eventuais responsabilidades penais, se as houber, no canto de poñer atrancos a unha entidade sen cuxas actuacións, hoxe as ilegalidades do caso Rinlo ficarían impunes e o noso patrimonio natural estragado para sempre.