Site icon Crónica3.com A Mariña

O SXG reclama que as subvencións que reciben ás empresas coa escusa do idioma estean condicionadas ao uso do mesmo

SANTIAGO .- O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) asegura na súa web que valora positivamente as portadas dos xornais do 17 de maio en galego pero entende que é unha práctica hipócrita. O SXG deuncia que “o emprego do galego é aínda unha rareza na maioría dos medios de comunicación privados da comunidade” e pide que as multimillonarias subvencións que reciben ás empresas coa escusa do idioma estean condicionadas a un uso real do mesmo.

REFERENCIA

O SXG denuncia que moitos informadores non son libres de traballar en galego

SXG
Santiago

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) denuncia, na véspera Día das Letras Galegas, que o emprego do galego é aínda unha rareza na maioría dos medios de comunicación privados da Comunidade. O SXG reclama que as multimillonarias subvencións que reciben todos os anos ás empresas coa escusa do idioma estean condicionadas a un uso real do mesmo e á loita contra a precariedade, especialmente ante a actual vaga de despedimentos.

A hipocresía das portadas do 17 de maio

Mañá día 17 de maio, as portadas dos principais xornais de Galicia saen á rúa maioritariamente en galego, como sucede tódolos anos por estas datas. O Sindicato valora positivamente este costume, pero entende que é unha práctica hipócrita.

A realidade do día a día é ben diferente, pois son moitos os afiliados do SXG que queren escribir máis noticias en galego pero que non poden facelo debido as políticas empresariais que favorecen o castelán en todas áreas temáticas que non sexan, sobre todo, cultura ou opinión.

O Sindicato respeta a total liberdade das empresas para escoller o idioma no que publican. Sen embargo, o SXG pídelles ós medios un compromiso máis alá do puramente estético ou testimonial co galego, que tamén é a lingua de moitos dos seus empregados e da maioría da súa audiencia.

Asimesmo, esta organización lembra ós poderes públicos que unha das súas obrigas legais é fomentar o uso da lingua.

Por iso, o SXG reclama ás administracións que o emprego regular deste idioma sexa, xunto coa erradicación da precariedade laboral, un criterio clave á hora de conceder as subvencións e as campañas de publicidade que, con cartos públicos, sirven para financiar ás empresas da comunicación.

Que é o Sindicato de Xornalistas?

O SXG é o primeiro sindicato creado por e para os profesionais da comunicación galegos. É unha organización independente e sen ningún vínculo con formacións políticas.

Cinco anos despois do seu nacemento, o Sindicato é o máis numeroso nos comités de empresa de La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, La Región de Ourense, Diario de Ferrol e Radio Coruña-Ser.
Trátase da organización sindical con máis afiliados no sector da comunicación galego.

O SXG forma parte da FeSP canda sindicatos de Andalucía, Cataluña, Madrid, Canarias, Baleares e A Rioxa.

Exit mobile version