RIBADEO (FNC) .- O restaurante A Dorada do Cantábrico participará un ano máis no concurso de tapas Ribadeo de tapeo que chega á súa quinta edición.
Miguel González, propietario e cociñeiro, preparou unha exquisita lasca de bacallau sobre cama de verduras e pataca panadeira con redución de pil-pil. Esta é a tapa que presenta ao concurso, pero ademais os que se acheguen ao seu local poderán degustar do 22 ao 30 de maio outras dúas preparacións máis, presa de porco ibérico en escabeche con espuma de patacas afumadas e oviños de mar con fricase de lura e crema de verduras.
A Dorada do Cantábrico xa se alzou con algún dos premios do Ribadeo de tapeo anos atrás. A Miguel González non lle importaría repetir “aínda que a competencia é grande, porque somos moitos os participantes e todos intentamos facelo o mellor posible. Na Dorada esmerámonos por ofrecer o mellor produto e a mellor atención aos nosos clientes e ano tras ano apóiannos nesta cita e noutras que organizamos ao longo dos últimos meses?.
O restaurante A Dorada do Cantábrico preparou para a súa clientela as xornadas do marisco, as do cocido ou as do bacallau e xa traballa noutras iniciativas que levarán a cabo datas próximas.