Site icon Crónica3.com A Mariña

O responsable comarcal do BNG acusa de “apoloxía inmoral do transfuguismo” ao presidente provincial do PP

Nota de Prensa

Os nacionalistas consideran que o único programa do PP é desaloxar ao BNG da Alcaldía

Veiga acusa a Barreiro de apoloxía inmoral do transfuguismo.

O Bloque Nacionalista Galego saíu hoxe ao paso das declaracións do Presidente provincial do Partido Popular onde animaba aos concelleiros socialistas a presentar unha moción de censura que abrira o paso a un cambio de goberno do Concello de Ribadeo cunha Alcaldía en mans do Partido Popular. Segundo Antonio Veiga “as palabras de Barreiro son unha inmoral apoloxía do transfuguismo unha vez que os responsábeis provinciais do Partido Socialista afirmaron que non apoiaría ningún tipo de moción de censura. Estas palabras chocan de fronte coa letra e co espírito do pacto antitrasfuguismo que o seu partido tamén ten asinado, aínda que á vista do afirmado por Barreiro parece descoñecelo. O descaro de Barreiro non ten parangón na política galega polo que nos fai pensar se sabe realmente o que esta dicindo”. Neste sentido o responsábel Comarcal dos nacionalistas esixiu unha rectificación inmediata por parte deste e no caso contrario que aclare se fala no seu nome ou se as súas palabras son referendadas pola dirección galega do seu partido.

Na mesma comunicación o Portavoz Comarcal dos nacionalistas afirmou “que a equipa de Goberno de Ribadeo demostrou que neste Concello hai un Alcalde que antepón os intereses xerais ao mero calculo electoral e que coa presentación da moción de confianza evidenciou que o único que o move son os intereses dos seus veciños.É lamentábel que haxa membros na Corporación de Ribadeo que pretendan paralizar a capacidade de inversión do Concello, algo que conseguen negándose a aprobar uns orzamentos, sen tan sequera facer unha proposta alternativa. Esa mesma intención, esa mesma falta de responsabilidade, estamos a vela coas tácticas dilatorias que están a usar para evitar que se acometa unha obra tan importante como a travesía de Ribadeo, sen importarlle que os ribadenses poidan perder unha inversión por máis dun millón de euros”.

Antonio Veiga agradeceulle a equipa de goberno ribadense que nun momentos como estes estea demostrando a todos os veciños que hai un Alcalde que segue traballando e que non ten outro obxectivo que sacar adiante actuacións que son importantes para o Concello. “Os veciños  de Ribadeo poden estar tranquilos, porque mentres uns se dedican a intrigar, Ribadeo segue con goberno, goberno que por certo segue a traballar coa mesma intensidade que o fixo nos últimos tres anos”, recalcou Veiga quen destacou”este é o goberno que está transformando Ribadeo, sacando adiante os grandes proxectos que neste Concello levaban paralizados desde fai máis dunha década como o polígono industrial que hoxe é unha realidade ou o PXOM que xa foi aprobado inicialmente e que se atopa as portas da aprobación provisional”.

Xa por último o Responsábel Comarcal do BNG salientou “que o único programa do PP é desaloxar ao BNG do Goberno Local para paralizar a transformación en positivo que levaron adiante os nacionalistas e repartir 68.000 euros entre os funcionarios xustamente nun momento en que é máis necesaria a inversión publica para dinamizar a economía local e achegar máis servizos aos veciños”.

Exit mobile version