LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente do Colexio de Secretarios de Lugo, José Antonio Carro Asorey, asinaron este martes un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Innova-TE, o programa tecnolóxico do organismo provincial dotado de 9 millóns de euros, cofinanciado nun 70% con fondos FEDER, e un 30% polo INLUDES, que permitirá a implantación da e-administración na provincia.
Trátase do primeiro paso para que 66 Concellos lucenses traballen a través da Internet, creando unha administración sen papel, aberta 24 horas, máis áxil e eficaz, e convertendo á Deputación de Lugo na primeira institución de Galicia que ofrece unha solución integral para a implantación da administración electrónica.
Gómez Besteiro salientou que “facemos un esforzo moi importante para poñer en marcha este proxecto, e paliar o despoboamento e a dispersión que sofre a provincia. Pero para que isto sexa unha realidade, é fundamental a implicación de todos. Lugo ten na actualidade un despregue da banda ancha do 45% asi que, se a Xunta non asume este reto, de nada servirá o noso traballo. Buscamos unha alianza estratéxica na que todos participen. Por iso, asinamos este convenio cos Secretarios, o cumio da administración”.
Pola súa banda, Carro Asorey destacou que “a Deputación conta con toda a colaboración dos colexiados e Secretarios municipais da provincia para redactar a administración electrónica, e mellorar os servizos ós cidadadáns”.
A Deputación comeza a desenvolver o Innova-TE co asesoramento dos Secretarios municipais, peza fundamental no bo funcionamento da administración. O obxectivo deste convenio é establecer as pautas necesarias para lograr unha administración segura, áxil e eficaz.
Mediante este acordo, dotado de 20.000 euros, os Secretarios municipais analizarán os 120 procedementos que os cidadáns poderán realizar dende a rede, e dos que estes profesionais son responsables finais. Deste xeito, a Deputación e os Secretarios acadarán unha total administración electrónica nestes trámites, evitando colas e papeleo.
O prazo máximo de tramitación destes procedementos é de 3 meses e, nalgúns casos excepcionais, de 6 meses. A e-administración permitirá axilizar nun 80% estes procedementos, pasando de obter unha licenza de obra en 3 meses ós 15 días, ou un certificado de empadroamento en 2 semanas a conseguilo de forma inmediata.
Aforro de custes
A implantación da administración sen papel, ademais de ofrecer un servizo máis áxil, disminuir a carga de traballo, e mellorar a atención ós cidadáns, tamén aforrará custes ós veciños. Segundo un estudo realizado pola Asociación pro Dereitos Civis, Económicos e Sociais, e o Colectivo de Internautas, anualmente unha persoa gasta unha media de 300 euros na xestión dos trámites que na actualidade requiren de desprazamento. Deste xeito, o Innova-TE permitirá ós veciños dos 66 Concellos onde a Deputación implantará a administración electrónica aforrar uns 80 millóns de euros ó ano.