LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este xoves na Sala de Xuntas ós representantes dos tres Sindicatos – Comisión Obreiras, UXT e CIG- convocantes da manifestación de bombeiros de toda Galicia que partiu da rúa Monte Faro, con parada diante do edificio administrativo da Xunta, e rematou na praza de San Marcos. Gómez Besteiro anunciou que a principios de xuño está previsto que se reúna o Consorcio “porque a vontade da Deputación é desplegar coa máxima celeridade a rede provincial de bombeiros. Calquera cuestión ten que ser plantexada nesa reunión. O outro socio tamén ten moito que dicir, xa que representa o 50%. Ademais, hai que abordar outras cuestións como a formación dos traballadores e planificación. De todos os xeitos, a Deputación está a traballar no Consorcio actual baseado en que independentemente de onde se produza a incidencia a provincia ten que estar controlada”.
Gómez Besteiro, quen destacou a normalidade coa que transcorriu a concentración, explicoulles os pasos levados a cabo pola Deputación dende a posta en marcha do Consorcio en 2008. Deste xeito, o organismo provincial realizou investimentos por valor de 3.842.000 euros. Desta cantidade, 2,6 millóns foron para a adquisición de 12 vehículos (5 mandos todo terreo, 1 de rescate en altura, 2 mixtos de rescate e 4 urbanos lixeiros); 264.822 euros para equipamento xeral do parque de Barreiros; e 952.000 euros que é a aportación que realizou a Deputación ó Consorcio.
“Hai tres anos non había este tema para discutir porque enriba da mesa non existían nin recursos nin vontade política do Partido Popular para poñer en marcha esta rede”. A este respecto, Gómez Besteiro subliñou que “foi a Deputación a que puxo en valor o parque de Barreiros, que nin sequera tiña traída de auga, o cal é sorprendente nunha instalación destas características”.
Asimesmo, recoñeceu que este é un modelo único en Galicia, “polo que se se quere mudar hai que poñelo enriba da mesa. Antes isto non formaba parte da axenda política do Partido Popular. Ademais, fronte a un modelo anterior no que a aportación rondaba entre o 15 e o 20%, garantizamos que os Concellos non aporten nin un só euro. Isto é importante porque agora que se cifran políticas de aforro, esta é unha das que segue a Deputación de Lugo”.
Situación dos parques
Gómez Besteiro indicou que en 2010 abriranse as instalacións de Barreiros, Chantada, e Sarria. Proximamente rematarán as actuacións no parque de Vilalba e, a finais de ano, as de Viveiro, para que ambos os dous estén en funcionamento en 2011. Con respecto ó de Monforte, reiterou o compromiso de integrar este parque no Consorcio. Neste caso, un equipo técnico composto por representantes da Deputación e da Xunta visitou en febreiro as instalacións para avaliar as necesidades que ten esta infraestrutura, co obxectivo de proceder á súa integración.
Polo que se refire a Lugo, en marzo técnicos da Deputación, Xunta e Concello participaron nunha mesa de traballo para buscar fórmulas xurídicas que permitan a prestación de servizos á área de Lugo.
O 12 de febreiro de 2010 o Consorcio aprobou o Orzamento para este ano, que ascende a 1.815.539 euros, de tal xeito que cada ente consorciado se compromete a aportar o 50% (907.394 euros).
Respaldo dos Sindicatos á Deputación
Logo da xuntanza, as tres forzas sindicais manifestaron o seu respaldo á xestión levada a cabo polo Presidente da Deputación. O representante de Comisións Obreiras, Castor Fernández, subliñou que “o Presidente manifestou que entendía a nosa preocupación, polo que dixo que a Deputación vai se consecuente coa creación deste Consorcio. No resto de Deputacións este servizo está privatizado e parece que a Xunta agora quere modificar os Estatutos no caso da de Lugo. O Presidente deunos a súa palabra de que vai aguantar co Consorcio”.
Humberto Paz de UXT subraiou o carácter pacífico da manifestación, mentres que o representante da CIG, Xavier Picón, destacou que “se nos trasladou que a Deputación se vai manter firme neste modelo. Válenos a palabra do Presidente. Esta actitude debería de trasladarse a outras institucións provinciais”.