Nota de Prensa
Só BNG e AVEXO apoian o sector agrogandeiro
O Partido Popular votou en contra, e o PSdeG-PSOE abstívose, na votación dunha moción que buscaba destinar axudas compensatorias ás explotacións gandeiras da Mariña que non recibirán fondos europeos.
O Bloque Nacionalista Galego de Xove presentou perante o Pleno de Xove unha moción na que se instaba á Xunta a estabelecer unha liña de axudas dirixidas especificamente ás explotacións gandeiras que no 2010 non terán acceso ás novas subvencións da Unión Europea.
O Bloque solicitou este pronunciamento despois de que o goberno español decidira que o destino dos novos fondos de desenvolvemento rural procedentes da UE foran para as producións de cereais e non para o sector lácteo, a pesar da demandaba do BNG para que se destinaran ás explotacións gandeiras por seren as que fixeron un maior esforzo investidor co obxecto de adaptarse ás esixencias comunitarias e facerse máis competitivas.
Os grupos municipais de BNG e AVEXO votaron a favor da moción, o PP votou en contra e o PsdeG-PSOE abstívose. Isto produciu unha igualdade sen precedentes no pleno que se resolveu co voto dobre do alcalde, o que provocou o desempate e que a moción non saíra adiante. Este voto de calidade, xunto coa aquiescencia do concelleiro do PSOE, logrou impoñer a vontade do “non” sobre o “si” e ratificar a medida discriminatoria que deixa fóra das axudas ás explotacións gandeiras da nosa comarca.
“Unha vez máis, e vai ser mellor que nos vaiamos afacendo, o PP puxo por diante a súa comenencia partidaria antes que o interese xeral”, asegurou o responsábel local do BNG, quen incidiu en que as consecuencias acabaranas pagando os consumidores finais.