Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo rexeita o anuncio polo que se propón a conxelación das pensións

Nota de Prensa

O GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR no Concello de Cervo a través do seu portavoz D. JOSE MANUEL BALSEIRO OROL en base á lexislación vixente, presenta a seguinte

MOCIÓN DO PARTIDO POPULAR DE REXEITAMENTO AO ANUNCIO DO GOBERNO POLO QUE SE PROPÓN A  CONXELACIÓN DAS PENSIÓNS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

As graves dificultades económicas e de paro que vive o noso país e o desmesurado déficit público, obrigan a adoptar medidas extraordinarias, tamén esixidas pola nosa pertenza á zona euro, que á súa vez atravesa un período de inestabilidade ao que é preciso dar solucións coordinadas. Neste contexto o Presidente do Goberno anunciou o pasado 12 de maio no Congreso dos Deputados algunhas decisións que, de adoptarse, lesionarían inxusta e inxustificadamente a máis de 5 millóns de pensionistas, rompendo de paso un dos logros maiores da nosa democracia: o Pacto de Toledo.

Convén recordar que dito Pacto de Estado alcanzouse en 1995 entre todos os Grupos Parlamentarios, e mereceu o respaldo dos sindicatos en 1996 mediante o Acordo sobre consolidación e racionalización do sistema de pensións.

Estes acordos, froito dun amplo e responsable diálogo político e social, sacaron á nosa Seguridade Social da incerteza económica e garantiron un sólido compromiso de todos para facer viable e sostible a nosa Seguridade Social.

500.000 millóns de pesetas de déficit, inseguridade de poder cobrar as pensións e incerteza dos pensionistas para manter o seu poder adquisitivo foron, entre outras, razóns para que todos os partidos asumisen o Pacto de Toledo e as súas recomendacións.

A Lei 24/1997, de 16 de xullo, de consolidación e racionalización da Seguridade, foi resultado directo do Pacto de Toledo, cuxo cumprimento quixo garantir coa participación de todos os Grupos Parlamentarios, constituíndo ao efecto unha Comisión no Congreso dos Deputados. Esta Comisión foi avaliando o cumprimento de compromisos e recomendacións desde entón e fíxoo con eficacia e con rigor baixo diversos gobernos.

Na actualidade está examinando un documento de data 29 de xaneiro de 2010, enviado polo Goberno para exame e debate, de modo que os acordos que puidesen alcanzarse desen lugar a aquelas reformas e modificacións legais pactadas entre todos os grupos políticos, sen esquecer a participación dos axentes sociais no proceso de diálogo social actualmente aberto.

O anuncio de recortes nos dereitos dos pensionistas, principalmente o dereito á revalorización en función do IPC (artigo 11 da Lei 24/1997, de 16 de xullo), vén romper o Pacto de Toledo, unha das máis importantes conquistas da nosa democracia.

Estes recortes privan de dereitos a máis de cinco millóns de pensionistas e fainos retroceder aos tempos nos que o Goberno, segundo criterios de oportunidade e de conveniencia política, daba ou negaba a revalorización das pensións e, xa que logo, daba ou quitaba poder adquisitivo ás debilitadas economías dos pensionistas.

Produciríanse outros efectos adicionais e indesexables de empobrecimento para os pensionistas ao bloquear sine die a base sobre a que se actualizarían as pensións tras o bloqueo da súa contía que expón agora o Goberno.

A experiencia indica que este tipo de medidas, combinadas coa elevación de impostos, en especial o IVE (2 puntos de subida en xullo próximo), xeran problemas engadidos no consumo e no emprego, cuxa evolución, se non se corrixe con reformas adecuadas, porá en perigo os ingresos por cotizacións, que son esenciais para manter o noso sistema de Seguridade Social.

Polo exposto o Grupo Popular somete á consideración do Pleno da Corporación Municipal a seguinte

Proposta de acordo

1º) Instar ao Goberno da Nación a que elimine as medidas previstas para a supresión da revalorización das pensións contributivas.

2º) Solicitar que se convoque a Comisión do Pacto de Toledo de modo urxente para renovar os traballos da mesma, a fin de que se acorden por todos os grupos as reformas que sexan necesarias para que se garanta a viabilidade e o futuro do noso sistema de Seguridade Social.

Exit mobile version