NOTA DE PRENSA
Balseiro salientou que amplas áreas do litoral galego “non están cubertas como deberían fronte á acción das mafias organizadas e outras organizacións ilegais”
O PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A PROPOSTA DO PARTIDO POPULAR INSTANDO AO REFORZO DO SERVIZO DE VIXILANCIA ADUANEIRA E NA QUE SE PIDE A SUBSTITUCIÓN DA LANCHA QUE TEN A SÚA BASE EN RIBADEO
· O Alcaraván II está avariada repetidamente durante meses e ten máis de 25 anos de antigüidade o que impide súa participación en operativos de vixilancia
· Balseiro destacou tamén que a estas deficiencias únense as que presenta a Garda Civil do Mar á que non se dota cos medios materiais e persoais necesarios.
Santiago, 12 de maio de 2010.- O Pleno do Parlamento aprobou hoxe a iniciativa presentada polo Grupo Popular que insta á Xunta a demandar do Goberno central que reforce o Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia. A proposición non de lei fai mención expresa á substitución da lancha de vixilancia aduaneira con base no porto de Ribadeo. O máximo órgano de representación das galegas e dos galegos pide ao Ministerio de Economía e Facenda que cambie o Alcavarán II por unha embarcación nova, de tal xeito que se solucionen os problemas que se están a dar con esta lancha, que presenta avarías repetidamente que a inutilizan durante meses e que está obsoleta por acumular máis de 25 anos de antigüidade.
Os populares a través desta iniciativa, aprobada por unanimidade polo conxunto das forzas políticas con representación parlamentaria quixo facerse eco das múltiples queixas, entre outros, dos sindicatos e dos propios traballadores, pola precariedade na que opera este servizo esencial, entre outras funcións, na loita contra o narcotráfico.
GARDA CIVIL DO MAR
O deputado lamentou que o Goberno de Zapatero non estea a adoptar as medidas oportunas para corrixir a situación, malia que os datos oficiais indican que en Galicia “aprehendeuse o 57% do total da cocaína de todo o litoral español” e se rexistrou un aumento exponencial na introdución de hachís, ademais de aumentar o contrabando de tabaco. Fronte a isto, o Goberno central “mantén incomprensiblemente inoperativos parte dos medios dispostos para a loita contra o narcotráfico”.
Balseiro destacou tamén que a estas deficiencias únense as que presenta a Garda Civil do Mar que, por exemplo, na base que ten no concello lucense de Viveiro, que pese a levar anos construída non se lle dota de persoal nin medios materiais, nin existe previsión para facelo
A iniciativa do Grupo Popular aprobada hoxe céntrase, dun xeito especial, en que se garanta a operatividade das embarcacións; a cobertura aérea en todo o litoral galego para operacións de vixilancia, patrulla, persecución e interceptación, incrementando as horas de autonomía de voo dos helicópteros; e a suplencia do persoal, eliminando a precariedade actual e a falta de cobertura de baixas.
Balseiro salientou que amplas áreas do litoral galego “non están cubertas como deberían fronte á acción das mafias organizadas e outras organizacións ilegais”. Ademais lembrou que, segundo os propios traballadores, a lancha de Ribadeo votou máis tempo amarrada en porto, polas contínuas avarías, que patrullando polo litoral norte lucense