Site icon Crónica3.com A Mariña

O Igape adxudicou a unha consultora por 230 mil euros a creación dun plan para impusar a provincia

LUGO .- A Consellería de Economía e Industria adxudicou á empresa consultora Deloitte S.L a elaboración dun proxecto para o impulso económico da provincia de Lugo. A adxudicación, que ten carácter provisorio, ascende a 230.520 euros, dos que 60.000 dependerán do novo emprego vinculado aos investimentos foráneos captados por mediación directa da empresa adxudicataria

Nota de Prensa

ECONOMÍA E INDUSTRIA ADXUDICA A DELOITTE S.L. A ELABORACIÓN DO PROXECTO PARA O IMPULSO ECONÓMICO DA PROVINCIA DE LUGO

* Segundo a resolución do director xeral de Igape, publicada hoxe, o importe total da adxudicación, que ten carácter provisorio, ascende a 230.520 euros, dos que 60.000 dependerán do novo emprego vinculado aos investimentos foráneos captados por mediación directa da empresa adxudicataria
* A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destaca que este “importante paso” continúa coa temporalización realizada trala posta en marcha do ImpulsaLugo, “que conta dende a súa aprobación cunhas medidas transitorias que teñen plena aceptación por parte do ámbito empresarial”
* A  empresa disporá dun máximo de cinco meses, contados desde a sinatura do contrato, para elaborar o proxecto e colaborará durante un ano e medio na implantación e seguimento correspondente
* O proxecto deberá definir un plan de competitividade para a provincia e incorporar a definición de novas actividades económicas e accións para desenvolvelas na provincia, así como propostas para impulsar, reorientar ou potenciar sectores xa existentes

Lugo, 19 de maio de 2010.- A Consellería de Economía e Industria vén de adxudicar á empresa consultora Deloitte S.L., a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a elaboración do proxecto para o impulso económico da provincia de Lugo. Segundo a resolución asinada polo director xeral do Igape que se fixo pública hoxe, o importe total da adxudicación, que ten carácter provisorio, ascende a un total de 230.520 euros (IVE incluído), dos que un máximo de 60.000 euros dependerán do emprego vinculado aos investimentos foráneos captados por mediación directa da empresa adxudicataria. A elaboración do proxecto está cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou que esta adxudicación representa “un novo e importante paso” que continúa coa temporalización realizada trala posta en marcha do ImpulsaLugo, “que conta dende a súa aprobación en setembro cunhas medidas transitorias en vigor que están a recibir a total aceptación por parte do ámbito social e empresarial”. Estas medidas manteranse plenamente vixentes ata a aprobación do proxecto estratéxico que ven de ser adxudicado.

A empresa Deloitte S.L. disporá dun prazo máximo de cinco meses, a contar desde a sinatura do contrato de adxudicación, para a elaboración deste proxecto destinado a impulsar o desenvolvemento económico da provincia de Lugo. A continuación, e de acordo coa súa oferta, a sociedade elixida deberá colaborar no seguimento da aplicación do proxecto durante un ano e medio.  O orzamento de licitación para a contratación dos servizos de elaboración, implantación e seguimento do proxecto de impulso económico  da provincia de Lugo era de 280.000 euros, IVE incluído.

Para proceder á correspondente adxudicación provisoria, o Igape valorou de xeito especial, de acordo cos criterios establecidos nos pregos que rexeron a licitación, a calidade da proposta de Deloitte, que inclúe  detalle das accións adecuadas aos obxectivos finais que se procuran co proxecto, que deberá identificar os sectores de actividade e as oportunidades de desenvolvemento empresarial  a desenvolver cara o futuro. A proposta gañadora destaca pola súa metodoloxía de análise, eminentemente práctica e que pon énfase nos factores de decisión crítica. Tamén achega unha selección e priorización de sectores de actividade, posicionando as vantaxes competitivas de cada sector, factor que facilitará a posterior aplicación do plan elaborado.

Segundo as prescricións de licitación, o proxecto concretará “novas actividades específicas que se estima idóneo implantar na provincia de Lugo, así como avaliación das actividades económicas existentes que convén desenvolver, reorientar ou potenciar”, expuxo Raquel Arias. Segundo o previsto no prego das prescricións técnicas da licitación, o proxecto final deberá ter un carácter marcadamente práctico e estará orientado á elaboración de plans de actuación que faciliten a identificación e priorización das actuacións que teñen que levarse a cabo no corto, medio e longo prazo para acadar o obxectivo buscado, que non é outro que darlle impulso económico a esta provincia.

O proxecto deberá incluír unha análise da competitividade territorial, con propostas concretas para superar os factores que a limitan na actualidade, así como a definición de novas actividades e os plans para desenvolvelas na provincia. O proxecto “tamén incorporará a avaliación de opcións concretas de crecemento para a provincia, así como a priorización das opcións de desenvolvemento seleccionadas e a valoración do impacto de crecemento en PIB e en nivel de emprego”, concluíu a delegada territorial.

Exit mobile version