NOTA DE PRENSA:
Así o confirmou a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, no Parlamento así como outros cargos públicos deste departamento autonómico en múltiples declaración públicas
BURELA DISPORÁ DUN XERENTE CON AUTONOMÍA E CAPACIDADE DE DECISIÓN PLENA SOBRE OS CENTROS DE SAÚDE E O HOSPITAL
* Os populares subliñan que xestionará o seu propio orzamento, como ata o de agora
A Mariña, 13 de maio de 2010.- Ante determinadas informacións publicadas no día de hoxe sobre os efectos do novo modelo de xestión integrada que o SERGAS ten previsto poñer en marcha na área sanitaria da Burela (norte lucense), os populares da Mariña queren clarexar varios aspectos:
1º.- A área sanitaria de Burela (norte lucense) disporá dunha xerencia única con autonomía e capacidade de decisión plena sobre os centros de saúde (atención primaria) e sobre o hospital (atención especializada), ata o momento o xerente solo xestionaba o centro hospitalario.
– Declaracións no día de onte da Conselleira de Sanidade no Parlamento de Galicia a unha pregunta do BNG e na rolda de prensa ofrecida en Monforte.
2º.- Non é certo nin que o Hospital de Burela vaia a perder a súa xerencia nin que esta perda autonomía en relación cos órganos centrais do SERGAS de Santiago ou de Lugo. Un dos feitos máis significativos para realizar esta afirmación é que, tal e como adiantou a xerente do SERGAS na súa comparecencia no Parlamento, os xerentes das áreas sanitarias seguirán “negociando” a xestión do seu orzamento, ademais disporán, como ata o de agora dun orzamento independente.
– Declaracións o xoves 29 de abril de 2010 da Xerente do Servizo Galego de Saúde na súa comparecencia na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia
3º.- O Partido Popular lamenta que a sucesión de informacións erradas, xunto ás manipulacións interesadas dos partidos da oposición, teña como resultado xerar unha estratexia de confusión que tan só pretende provocar alarma social entre os veciños. En todo caso, a Xunta do PP seguirá a traballar, como xa o vén facendo, para mellorar o sistema público de saúde despois de anos de deterioro consecuencia da nefasta xestión do bipartito.
4º.- Os populares sinalaron que desde a oposición bipartita primeiro comezaron asegurando que pecharía o hospital para converterse en pouco máis ca un ambulatorio –algo que desmentiron os propios feitos, comprometeuse un investimento para obras superior ao efectuado polo bipartito, recupéranse as autopsias, crearase un servizo permanente de detección precoz do cancro de mama, ampliarase a área de diálise e introducirase a diálise peritoneal-. Despois afirmaron que se suprimiría a área sanitaria, algo que se desmentiu rotundamente e agora queren sementar dúbidas ao respecto de creación da área de xestión integrada de Burela. Con estes cambios de discurso, PSOE e BNG, nin son serios, nin teñen credibilidade.