CERVO .- Asegura o goberno do Concello de Cervo que veciños quéixanse dunha obra que está acometendo a Deputación na estrada provincial que une as parroquias de San Román e Rúa con Burela e “queixas pola perigosidade do cruce de San Román”.
Nota de Prensa
O CONCELLO RECIBE NUMEROSAS QUEIXAS POLA PERIGOSIDADE DO CRUCE DE SAN ROMÁN
Os veciños estanse a queixar por distintas deficiencias nas obras dunha rotonda que está acometendo a Deputación neste punto
Cervo, 17 Maio de 2010.- O Concello de Cervo ten recibido nestas últimas semanas unha serie de queixas de distintos usuarios da estrada provincial que une as parroquias de San Román e Rúa con Burela. As queixas céntranse concretamente nas obras da rotonda que o organismo provincial esta a facer no cruce popularmente coñecido como “da estatua”, na parroquia de San Román e no cal conflúe o tráfico rodado procedente destas tres localidades (Rúa, San Román e Burela).
Segundo indicou a concelleira do grupo de Goberno, Yolanda Pedreira, varios usuarios habituais desta estrada levan amosado nas últimas semanas o seu descontento por como se están desenvolvendo estas obras basicamente en dous aspectos: as reducidas dimensións que aparentemente vai ter o radio de xiro da devandita rotonda e a nula visibilidade que existe neste cruce para os vehículos que proceden de San Román e queren dirixirse a Rúa ou a Burela.
Sobre o primeiro dos casos -as reducidas dimensións de xiro da rotonda- a concelleira cervense sinalou que actualmente é imposible que os vehículos pesados e autobuses poidan facer o xiro natural da rotonda (deixando o centro da circunferencia á esquerda), “se non que teñen que deixar o centro da rotonda á dereita e ocupar o carril contrario se queren xirar, co conseguinte perigo que isto supón” indicou Pedreira.
“Así mesmo -proseguiu a edil- os vehículos que veñen de San Román e queren ir a Rúa ou Burela teñen unha visibilidade moi deficiente neste cruce e vense obrigados a invadir o carril case na súa totalidade para ver se ven algún vehículo antes de incorporarse á circulación”.
A concelleira do grupo de Goberno solidarizouse co malestar xeneralizado das persoas descontentas con esta actuación e puntualizou que o Concello non ten ningún tipo de competencia no que atinxe a estas obras, “porque se trata dunha estrada de competencia provincial. Por iso -indicou- cúmprelle á Deputación facer os cambios que sexan necesarios de cara a garantir a circulación segura neste punto da estrada antes de que suceda algo do que nos teñamos que arrepentir”.
Pedreira tamén precisou que o Goberno local remitira hai uns meses unha carta ao organismo provincial queixándose do mal estado no que quedaban algúns puntos desta estrada despois do seu cambio de trazado e lembrou que un deses puntos nos que se informaba nesa carta era precisamente o que agora está a suscitar as queixas veciñais. Nesa ocasión o Concello solicitou do ente provincial a construción dunha escollera que asegurase o desnivel existente nun dos marxes dese cruce, xa que do contrario podería haber perigo de desprendementos da estrada que enlaza cun vial local.