Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela pídelle á Xunta que faga as obras de reparación dos tellados das Casas Baratas e da rúa de O Río

BURELA (FNC) .- O bipartito presentará unha moción no vindeiro pleno reclamándolle á Xunta que execute as obras de reparación dos tellados das Casas Baratas e da rúa do Río. E o BNG no parlamento plantexará unha iniciativa para que o PP explique o parón destes traballos que xa contaban con consignación orzamentaria.

A concelleira de Benestar Social contou que “onte mantivemos unha xuntanza cos veciños das Casas Baratas á que asistiu a ex conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, e na que analizamos a situación de parón das obras previstas nos tellados destas casas. Táboas explicóulles aos veciños que non cabe ningunha excusa para que o PP, agora na Xunta, non faga estas obras posto que nos orzamentos galegos de 2009 se consignaron partidas para as reparacións dos tellados das Casas Baratas e da rúa do Río. E o PP non fixo as obras e derivou estes cartos para outro lado”.

Neves Cando pregúntase “se había partidas reservadas para estas obras, se os proxectos xa estaban feitos, se a parte correspondente a unha das fases das Casas Baratas xa tiña licencia municipal dada, por qué o PP na Xunta non fai as obras e deixa a estes veciños sen unhas reparacións vitais para as súas vivendas. Que resposten e que digan a onde foron parar eses cartos destiñados a Burela”.

A edil nacionalista anuncia que “o BNG no parlamento presentará unha iniciativa para que o goberno do PP dea unha resposta sobre este asunto e no Concello imos presentar unha moción no vindeiro pleno para reclamarlle á Xunta que execute estas obras porque consideramos que son vitais e urxentes e porque non entendemos o seu parón”.

Exit mobile version