CERVO .- Deron comezo en San Ciprián os traballos do Programa Municipal de Aforro e Eficiencia Enerxética dos alumeados públicos do Concello de Cervo consistentes na modernización dos báculos, equipos eléctricos, luminarias, portalámpadas e cadros de mandos dos alumeados.
Nota de Prensa
COMEZAN EN SAN CIPRIÁN OS TRABALLOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA DOS DISTINTOS ALUMEADOS PÚBLICOS DO CONCELLO
Cervo, 4 Maio de 2010.- No día de hoxe deron comezo en San Ciprián os traballos do Programa Municipal de Aforro e Eficiencia Enerxética dos alumeados públicos do Concello de Cervo.
A devandita actuación consiste na modernización dos alumeados en distintas rúas deste núcleo de poboación, así como do núcleo de Galdín. Concretamente actuarase na modernización dos báculos, equipos eléctricos, luminarias, portalámpadas e cadros de mandos dos alumeados das rúas da Cruz, avenida da Mariña, Galdín, zona de Bellavista e tamén da Atalaia.
Os traballos contan cun orzamento de 56.793 euros financiados a través do fondo estatal de inversións locais e contan cun prazo de execución de dous meses.
Segundo indicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, estas obras forman parte dun programa conxunto que se desenvolverá en todo o municipio tendente a conseguir o aforro e eficiencia enerxética nos alumeados públicos do concello. “Con isto, o que pretendemos é paliar as feroces subas do recibo da luz aprobadas polo Goberno do Estado mediante a modernización das nosas instalacións e tendidos de luz, para conseguir así, reducir ao máximo o noso consumo de enerxía eléctrica, xa que este gasto é un dos máis importantes para as arcas municipais” indicou Villares.
O Programa Municipal de Aforro e Eficiencia Enerxética dos alumeados públicos do Concello de Cervo ten por obxecto a modernización dos sistemas lumínicos dos tendidos municipais nunha vintena de puntos nos distintos núcleos de poboación do término municipal. O montante total do devandito plan é de 364.984 euros e con el o grupo de Goberno municipal persegue racionalizar o uso da enerxía con instalacións de maior eficiencia enerxética encamiñadas a reducir e optimizar o consumo de electricidade en términos unitarios, “pero sen reducir o noso nivel de servizos que prestamos aos veciños do noso termino municipal” dixo o rexedor local.