Nota de Prensa
HOXE ENTRA EN FUNCIONAMENTO A NOVA PISTA DE PÁDEL UBICADA NA ÁREA DE LECER DE CUÍÑA
* Cervo amplía a súa oferta para a práctica do deporte e convértese no municipio co maior número de instalacións deportivas de uso público da comarca
Cervo, 20 Maio de 2010.- Hoxe pola tarde abriuse ao público a pista de pádel municipal situada na área de lecer do polígono industrial e de servizos de Cuíña. Esta posta en marcha estivo presidida polo alcalde do Concello de Cervo, Alfonso Villares, e polo concelleiro de Deportes, Rubén Fernández.
Segundo indicou o responsable da área de Deportes, a intención do Concello é abrir inicialmente esta nova instalación deportiva de uso publico cunha tarifa de 3,30 euros a hora para todos os interesados en utilizala, sendo o seu período máximo de reserva de hora e media e sen destinguir neste arranque do seu funcionamento entre censados e non censados no concello. “Unha vez que se modifique a ordenanza municipal que rexe os prezos e a utilización das instalacións deportivas municipais para englobar nela esta nova pista, será cando esta instalación teña as mesmas condicións de uso cas restantes instalacións deportivas do concello” indicou Rubén Fernández.
A pista de pádel estará xestionada dende a piscina municipal, onde se cobrará e se farán as reservas. No momento de formalizar a reserva, os usuarios deberán deixar o seu carné de identidade cando vaian a retirar a chave da instalación e seralles devolto cando fagan entrega das chaves na piscina municipal.
Ao ser xestionada dende a piscina, esta nova instalación deportiva terá tamén os mesmos horarios que esta. Deste xeito, permanecerá pechada os domingos, festivos, ou como é o caso, mañá, día no que se celebra a festividade de Santa Rita, patroa dos traballadores públicos. Por iso, o calendario de reservas para utilizar a pista comezará a partires do vindeiro sábado.
O maior número de instalacións deportivas da comarca
O alcalde salientou a posta en marcha desta nova instalación deportiva e lembrou que Cervo é un concello privilexiado no que a instalacións deportivas se refire. “O noso municipio é un dos poucos concellos do noso tamaño, con menos de 5.000 habitantes, que teñen a disposición dos seus cidadáns unha piscina olímpica climatizada, outra piscina ao aire libre, un pavillón de deportes, pistas de tenis e de squash, un campo de fútbol, pistas de atletismo e agora tamén unha pista de pádel” lembrou.
Pola súa parte, o concelleiro de Deportes convidou a tódolos veciños e veciñas do municipio a que fagan uso desta nova instalación deportiva, “a cal, creemos que terá unha boa acollida, porque como dixen antes ven a cumprimentar a ampla oferta existente en materia de instalacións deportivas” indicou.
Esta nova pista de pádel forma parte das dotacións deportivas, equipamento social e viais do parque empresarial de Cuíña, recentemente entregadas pola delegada territorial, Raquel Arias, en representación da Xunta de Galicia. Estas obras foron feitas pola empresa Xestur e o custe das actuacións ascendeu 200.000 euros, onde se incluíron, ademais da construción da pista de pádel e da urbanización do seu entorno, unha zona de aparcamentos e un sendeiro peonil.