Neves Cando explicou que “hoxe recibimos no Concello de Burela, dentro do programa de actos da visita ao norte organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a unha delegación integrada polo director financeiro de Ceprode (Centro de Promoción do Desenvolvemento e a Educación), Óscar Pedro Almendáriz e pola alcaldesa de Altavillos Alto na provincia peruana de Huaral, Rosario Huamán. O Ceprode é unha ONG peruana coa que o Fondo Galego traballa desde o ano 2004 entorno ao desenvolvemento local e rural das comunidades andinas na provincia de Huaral. Esta visita, na que tamén participaron representantes do Fondo Galego e do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, permitiunos coñecer de primeira man o traballo que cos recursos aportados entre todos se está a realizar nos países do sur, tal e como xa se produciu o ano pasado coa visita de representantes de Cabo Verde, participantes nestes proxectos de cooperación”.
A edil nacionalista sinalou que “os representantes de Perú presentáronos os traballos xa feitos e os proxectos de futuro que se van desenvolver para continuar a xerar redes de solidariedade entre Galicia e Perú. O Fondo Galego coas axudas aportadas polas distintas institucións municipais, entre as que se atopa o Concello de Burela, as deputacións e Xunta de Galicia está levando a cabo proxectos solidarios en Perú desde o ano 1998 con iniciativas que van desde a instalación de auga potable e servizos hixiénicos, emisoras de radiocomunicación, asistencia médica e cirúrxica gratuíta ata a reconstrución das áreas devastadas polo terremoto de agosto de 2007 e a construción dun módulo educativo integral para nenos e nenas de 4 anos. E agora neste 2010 a colaboración entre o Fondo Galego e o Ceprode da un paso máis na consecución do desenvolvemento sustentable e a erradicación da pobreza decidíndose a focalizar un obxectivo prioritario arredor da formación da muller andina na procura da igualdade de xénero. Deste xeito o responsable do Ceprode presentounos o proxecto xestión do desenvolvemento sustentable con enfoque de xénero en municipios rurais andinos que se está a levar adiante este ano”.
Cando suliñou que “ademáis de servir esta xuntanza para a presentación deste proxecto tamén propiciou o intercambio de experiencias entre nós, como Concello de Burela e a alcaldesa peruana en materia de igualdade e tamén serviu de canle de enlace coa comunidade peruana asentada no noso pobo da cal unha representación estivo neste acto”.