BURELA (GNC) .- Dende principios desta semana estáse procedendo á reparación dun tramo de beirarrúa na rúa Nosa Sra. do Carme en Burela, segundo informa o delegado de Obras e Servizos.
Pascual Doménech explica que “dito tramo atopábase totalmente deteriorado, coas baldosas rotas e o pavimento afundido, debido á utilización do solar colindante como acopio de material e maquinaria por parte de empresas que fixeron varias obras no pobo, como un establecemento hosteleiro cercano ou a reforma dunha fase da rúa Eijo Garay. Como a degradación era constante, o Concello entablou conversas con dúas constructoras que utilizaron ese espazo e obrigoulles a que procederan ao seu arranxo, sen coste ningún para as arcas municipais. Cando a obra se remate, o solar anexo será utilizado como aparcadoiro público, logo da mediación do Concello co seu propietario”.
Tamén e en vista da finalización dunha promoción de vivendas cercana á Praza do Mariñeiro, a Concellería de Obras levou a cabo diversas actuacións “como a sinalización na rúa do estacionamento para taxistas e dotación a dito emprazamento de iluminación ornamental para poñer en valor toda esa zona que é lugar de encontro e de ocio para moitos viandantes”.
Cruce de Eijo Garay con Pardo Bazán
O edil socialista tamén sinalou que “debido ás choivas caídas na semana pasada, que provocaron que entrara en carga dous pozos de pluviais na rúa Eijo Garay, no cruce con Pardo Bazán, e que ocasionaron o levantamento do aglomerado en dito cruce, é inminente a adecuación de todo ese tramo para que estea en perfectas condicións para as festas e para a formación da alfombra floral, polo que vai producir trastornos no tráfico rodado nos vindeiros días de aí que xa pedimos desculpas polas molestias que poidan ocasionar eses traballos”.