Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela destinou máis de 100 mil euros en tres anos ás familias para axudas á educación e o deporte

BURELA (FNC) .- A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, subliña que o Concello destinou en tres anos máis de 100.000 euros para a compra de material escolar, deportivo e roupa por parte das familias de Burela ao comezo do curso escolar. Cando asegura que as axudas do 2009 están en fase de tramitación e que se pagarán en breve.

A edil nacionalista sinala que “desde as Concellarías de Benestar Social e Comercio emprendimos en setembro de 2009 por terceiro ano consecutivo a campaña de axuda ás familias para paliar os gastos derivados do comezo do curso escolar e para potenciar tamén ao noso comercio local favorecendo que esas compras de principios de curso se realizasen en Burela”.

Neves Cando fixo balance “desta terceira campaña na que aportábamos 40 euros por cada neno e cada nena censada en Burela que realizase as compras de material escolar, deportivo ou roupa no comezo do curso en comercios de Burela. Foron 941 as solicitudes presentadas e 920 as resoltas favorablemente polo que o montante total aportado polo Concello ás nosas familias foi de 36.800 euros. No 2007 foron 949 as axudas concedidas que fixeron un total de 33.215 euros, no segundo ano, no 2008 foron 1.001 as axudas concedidas e 40.040 euros o montante total aportado polo Concello de Burela. O que suma máis de 100.000 euros que dende o Concello se aportaron para este fin. O balance é moi positivo non só por estas axudas senón tamén porque sabemos que polo menos o tripe desta cantidade é dicir uns 300.000 euros se quedaron no comercio de Burela nestas compras de principio de curso”.

A concelleira de Benestar Social asegura que “o pago das axudas deste último ano xa se está a tramitar no departamento de tesourería do Concello e cando remate a súa contabilidade, vai por menos da metade, nos vindeiros días xa se ingresarán os cartos correspondentes a cada familia”. Cando considera que “cumprimos así cos nosos compromisos, algo que parece que non lle senta moi ben á oposición, pero a nosa obriga é traballar e xestionar os cartos para facer fronte a estes servizos e as estas axudas e así o fixemos. Pero isto non lle gusta ao PP porque nunca eles aportaron máis de 100.000 euros como nós fixemos en tres anos ás nosas familias nin fixeron ningunha campaña de apoio ao comercio local como esta, e isto doe, doe moito e por iso non fan máis que protestar. Pola nosa parte seguiremos traballando para non recortar ningún servizo social nin ningunha prestación ás nosas familias, porque para recortar axudas e cartos públicos xa está o PP na Xunta de Galicia”.

Exit mobile version