MONDOÑEDO.- O centro comarcal da Mariña central en colaboración co concello de Mondoñedo e a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta orginiza unha exposición que recolle as historias de vida de dezaoito mestras galegas.
NOTA DE PRENSA.
“Elas Ensinan”
Esta mostra, organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, coa colaboración do Centro de Información á Muller do Concello de Mondoñedo recolle as historias de vida de dezaoito mestras galegas que compartiron o interese pola educación das xeracións máis novas, ás que serviron de modelo profesional e vital.
Pero a mostra tamén apela ás lembranzas, aos sentimentos desa etapa na que se forxa a personalidade, na que se aprende todo o que as mestras transmiten, ciencias, letras, música, arte… na procura dunha formación humanista e integral.
Unha homenaxe ás educadoras e pedagogas que non se botaron atrás fronte as dificultades que lle impuxeron as condicións sociais, económicas, xeográficas e históricas de Galicia entre finais do século XIX e o XX. Unha etapa que reflicte a longa dedicación histórica das mulleres ao campo do ensino, especialmente no eido das primeiras letras, o ensino infantil e o primario, para paulatinamente irse achegando aos demais niveis educativos ata acadar a situación de feminización docente que se está a vivir na actualidade.
Mulleres innovadoras e decididas, sempre na procura de novos métodos pedagógicos para mellorar a educación do seu alumnado por difícil que fose a situación.
Un papel transformador da sociedade, a través da transmisión do coñecemento e da profunda pegada do seu traballo en todos e todas nos.
O Centro Comarcal A Mariña Central, en Mondoñedo, acolle esta mostra do 2 ata o 14 de maio, e se poderá visitar en horarios de 10:00 a 14:30 e de 15:00 a 18:00 de luns a venres e os sábados de 10:00 a 14:00.
Para acadar máis información sobre ela poden poñerse en contacto nos teléfonos 982 889 306 e 982 889 301, ou a través do enderezo de correo electrónico: ccmarinacentral@comarcasdegalicia.com